Fegatea colabora coa Xunta para o desenvolvemento do circuíto teatral a nivel autonómico e o festival Agustín Magán

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), Mª Consuelo Pampillón Alonso

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), Mª Consuelo Pampillón Alonso, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento do circuíto teatral a nivel autonómico e o festival Agustín Magán.

Ao abeiro deste acordo, a Xunta destinará 35.000 euros á realización de varias ducias de representacións que percorrerán toda Galicia coas últimas propostas escénicas de grupos federados das catro provincias galegas.

O obxectivo é promover a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro, de xeito que os participantes non poderán actuar na cidade na que radica o seu domicilio social, e contribuír así a descentralizar a oferta cultural.

A Federación Galega de Teatro Afeccionado está composta por 53 agrupacións e constitúe a maior estrutura teatral organizada en Galicia. Ademais, cada un destes grupos contribúe a dinamizar o movemento cultural e social da súa localidade, onde, en moitos casos representan a única alternativa de programación cultural.

TEATRO AMADOR

Premio Cultura Galega das Artes Escénicas 2020, Fegatea traballa desde hai vinte anos na defensa e promoción do teatro amador, así como a prol do intercambio de experiencias e da normalización cultural e lingüística.

Nos seus comezos, a federación centrou os seus esforzos no fornecemento do tecido cultural ao redor do teatro amador no ámbito autonómico, por medio dunha programación estable que abrangue actividades formativas, de intercambio, mostras e festivais. Conseguido este obxectivo, na actualidade está a promover o teatro galego no resto do Estado e en Portugal a través da Plataforma Platta, da que é promotora.

Ademais do valor cultural e social, cómpre sinalar o importante movemento económico xerado polas accións teatrais programadas por Fegatea, a través da contratación de diversos profesionais e servizos.