'Faraón. Rei de Exipto' acada máis de 76.000 visitantes
A exposición Faraón. Rei de Exipto, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fundación ”la Caixa” e o British Museum no marco do Xacobeo 21-22, despediuse o domingo da Cidade da Cultura tras congregar 76.367 visitantes desde que abrira as súas portas o pasado mes de marzo. Convértese así na mostra máis concorrida da historia do Museo Centro Gaiás, tanto en números absolutos como en media diaria ¬–cifra que se situou nos 621 visitantes mensuais–. A estes datos, cómpre sumar tamén máis de 5.000 estudantes que participaron no programa de visitas didácticas a través de videoconferencia, unha iniciativa que achegou a exposición ás aulas de 121 centros de ensino de toda Galicia a través de 133 quendas de visita en liña.
Esta escolma de 140 pezas procedentes das coleccións do Antigo Exipto e Sudán do prestixioso museo británica puido verse por vez primeira en Galicia. A exposición exhibiu na Cidade da Cultura pezas con máis de 3.000 anos de historia nun percorrido didáctico e divulgativo sobre o simbolismo e o ideario da monarquía do país do Nilo e as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou como herdanza esta antiga civilización.
Tras terse exposto en cidades como Madrid ou Barcelona, Faraón. Rei de Exipto abriu as súas portas o pasado 27 de marzo no Museo Centro Gaiás batendo marcas de asistencia xa desde as primeiras semanas, con picos que superaron as 3.000 persoas visitantes diarias coincidindo coa Semana Santa e con máis de 20.000 visitantes só no seu primeiro mes de apertura.
Neste sentido, a Cidade da Cultura quixo agradecer a responsabilidade e colaboración que demostraron as persoas visitantes do Museo, no cumprimento e respecto de todas as medidas sanitarias que motivaron que, en determinados días de moita afluencia, houbese momentos de agarda para poder acceder á sala de exposicións.
PROGRAMA
Durante os catro meses e medio que puido visitarse Faraón. Rei de Exipto, a Cidade da Cultura despregou un programa gratuíto de visitas comentadas, previa reserva, para os visitantes que o desexasen, no que, pese ás limitacións de capacidade aos grupos de visita impostos pola pandemia da covid-19 participaron un total de 2.150 persoas.
Destacan tamén as cifras do intenso programa didáctico con visitas a través de videoconferencia que desenvolveu o equipo de guías do Museo Centro Gaiás. Destinadas a alumnado de segundo e terceiro ciclo de primaria, ESO, Bacharelato e centros formativos, a iniciativa tivo unha excepcional acollida por parte dos centros de ensino, coa participación dun total de 5.079 alumnos e alumnas, procedentes de 121 centros de ensino das catro provincias galegas e ata 133 visitas realizadas entre o 13 de abril e o 18 de xuño deste ano.
A exposición contou tamén un variado programa de actividades ao redor dos contidos da mostra, con faladoiros sobre arqueoloxía, conferencias, visitas en liña e xincanas de enigmas en formato escape room destinadas a público familiar.
Outras exposicións
Tras o peche de Faraón. Rei de Exipto, o Museo Centro Gaiás continúa co seu programa expositivo con dúas mostras que poden verse actualmente nas súas instalacións: Os brancos segredos do seu ventre –que pode visitarse ata o 5 de setembro– e Galicia futura –ata o 9 de xaneiro de 2022–. Ambas contan con entrada de balde e un programa de visitas comentadas, tamén de balde con reserva previa a través da web da Cidade da Cultura. Están abertas ao público de martes a domingo con horario ininterrompido de 10 a 20 horas.