Residencia literaria da Cidade da Cultura
Un total de dez autores emerxentes galegos están a participar estes días na Residencia Literaria da Cidade da Cultura para perfeccionar os seus proxectos de narrativa. A actividade, que forma parte do programa de Residencias Artísticas do Gaiás impulsado pola Xunta de Galicia, conxuga o traballo individual coa posta en común e o intercambio de impresións sobre as propostas do resto de participantes.
O director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, acompañado da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, deron a benvida esta semana aos membros desta terceira Residencia Literaria, que dirixe o escritor e profesor de escritura creativa Javier Peña. O representante da Xunta recordou que a residencia foi un dos primeiros apoios que tiveron autores que están agora a despuntar no panorama literario, como é o caso de Brais Lamela, premio da Crítica en narrativa en lingua galega o ano pasado, e Fran Fernández Dávila, gañador do Premio de Novela Curta Antón Risco 2023 co proxecto que traballou durante a súa estadía no Gaiás.
A proposta alíñase cun dos cinco eixes do Plan Xeración, a folla de ruta para acompañar neste 2023 o bo momento do sector que inclúe, entre os seus propósitos poñer en marcha medidas novas e reforzar as xa consolidadas que supoñan un apoio aos novos talentos.
Con actividades complementarias
Ao longo de 12 días de convivencia, os escritores novos comparten inquedanzas e consellos, críticas e eloxios nun ambiente de confianza e apoio mutuo. Ademais, contarán coa guía de dúas escritoras destacadas das letras galegas e españolas, Marilar Aleixandre —Premio Nacional de Narrativa 2022— e a mexicana Brenda Navarro, que con tan só dúas novelas publicadas —unha delas traducida xa a oito idiomas— confírmase como unha das voces máis prometedoras das letras hispanas.
As actividades da Residencia Literaria complétanse con visitas á Casa Museo de Rosalía e á Fundación Camilo José Cela, encontros transversais con participantes doutras residencias artísticas na Cidade da Cultura e faladoiros especializados en temas de interese para os futuros escritores, como os dereitos de propiedade intelectual.