Encontro de Artistas Novos no Gaiás

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, recibe na Cidade da Cultura aos artistas participantes no ‘EAN13’.
O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe os 40 creadores emerxentes que ata o vindeiro xoves 31 de agosto participan no Gaiás na décimo terceira edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN13, onde poderán presentar publicamente os seus traballos e aprender de figuras consolidadas neste foro aberto ao intercambio de ideas, experiencias e procesos creativos.

O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe os 40 creadores emerxentes que ata o vindeiro xoves 31 de agosto participan no Gaiás na décimo terceira edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN13, onde poderán presentar publicamente os seus traballos e aprender de figuras consolidadas neste foro aberto ao intercambio de ideas, experiencias e procesos creativos.

XIII Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Trátase dunha das citas máis consolidadas da programación da Cidade da Cultura, da que forma parte desde 2011. Ata o momento, teñen pasado por este encontro destinado a apoiar a novos talentos da creación contemporánea máis de 700 artistas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que, a través do EAN, o Goberno galego “reafirma o seu compromiso coa creación contemporánea, impulsando un encontro que tras 13 anos é xa un referente na Península, por onde pasaron artistas que hoxe exhiben en galerías, museos e centros culturais de todo o mundo”. O Encontro de Artistas Novos, remarcou, “é un espazo de convivencia e diálogo para compartir experiencias entre creadores de dentro e fóra de Galicia, con múltiples e moi diferentes perspectivas vitais e profesionais: na súa cerna atopamos os principios de acollida, apertura e intercambio que tamén están presentes no espírito da propia identidade galega”.

A apertura o EAN13 contou tamén coa participación do director Territorial Noroeste de Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño; do director do EAN, Rafael Doctor, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. O programa do Encontro arrancou, ademais, coa conferencia inaugural do fotógrafo, creador audiovisual, escritor e editor Alberto García-Alix (León, 1956).

Ao longo da súa extensa carreira, García-Alix exhibiu en centros de arte como o Museo del Prado, o Reina Sofía, a Maison Européenne de la Photographie en París ou o Museo Casa da Fotografía de Moscova e foi galardoado, entre outros recoñecementos, co Premio Nacional de Fotografía, o de PHotoEspaña ou a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes de España, ademais de ser nomeado en 2012 Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras de Francia.

DIÁLOGO ENTRE CONSOLIDADOS E EMERXENTES

Ademais de García-Alix, os 40 novos talentos participantes no Encontro terán a oportunidade de aprender doutras tres destacadas figuras das artes plásticas, nun enriquecedor diálogo aberto entre artistas emerxentes e consolidados. Por unha banda, a fotógrafa Estela de Castro (Madrid, 1978), especializada no xénero do retrato que saltou á palestra mediática polo seu traballo como autora dos retratos oficiais da Familia Real en 2020; ou Beatriz Ruibal (Pontevedra, 1969), que conta cun abundante corpo de traballo fotográfico e cinematográfico arredor de temas como a ausencia, a memoria, o esquecemento e a nostalxia. Por último, o EAN despedirase o xoves coa conferencia do recoñecido fotógrafo galego Vari Caramés (Ferrol, 1953).

Tamén ata o xoves, os artistas emerxentes participantes poderán darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.