Encontro con Antón Reixa no Cineclub Ateneo: proxección e coloquio da súa película
O martes, 21 de xaneiro, ás 19:00 horas, o salón de actos da Rúa do Vilar, 19, acollerá a proxección do segundo filme do ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo. A película, O lapis do carpinteiro, contará coa presentación e posterior coloquio a cargo do propio director da fita, Antón Reixa.
A longametraxe, estreada en 2003 e baseada na novela homónima de Manuel Rivas, sitúase na Galicia de 1936 e narra a historia de Daniel Da Barca, un médico republicano encarcerado polos seus ideais políticos, mentres a súa moza, Marisa, loita por liberalo. Todo isto acontece baixo a mirada de Herbal, un garda que vive un conflito interno entre a obediencia á violencia do réxime e a súa conciencia. O lapis do carpinteiro explora así os dilemas morais e emocionais nun dos momentos máis escuros da historia recente, mesturando paixón, traizón e redención.
Antón Reixa, recoñecido creador multidisciplinar, é unha figura clave na renovación da cultura galega. Poeta, músico, director e produtor, Reixa foi pioneiro en varios campos como o audiovisual, a música e as vangardas literarias. Fundador dos grupos Siniestro Total e Os Resentidos, liderou proxectos icónicos como a serie Mareas vivas e videoclips para artistas de renome. Como director, destacou con O lapis do carpinteiro, producido por Portozás Visión, e recibiu numerosos recoñecementos, como a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes en 2021.