O Encaixe de Camariñas en modo mostra
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na inauguración da XXXII Feira do Encaixe de Camariñas. Como xa é habitual, a Xunta colabora neste evento, que está organizado polo Concello de Camariñas e pola Deputación da Coruña, no que se dá a coñecer o oficio tradicional do encaixe que está en renovación continua grazas ao traballo de profesionais da artesanía e do deseño.
A Mostra do Encaixe estase a consolidar como un escaparate da marca Artesanía de Galicia, un punto de encontro para o sector artesán e para a moda galega, así coma un motor de dinamización económica e turística da zona que axuda a proxectar a imaxe de Galicia e dos seus oficios no exterior.
A mostra contará con demostracións en vivo, desfiles de moda, talleres de encaixe, actuacións musicais... e demais actividades programadas para a ocasión, e do mesmo xeito que en edicións anteriores, haberá multitude de casetas pertencentes a asociacións de toda Galicia, así como varias delegacións convidadas, e casetas internacionais de artesanía do encaixe.
Na súa intervención Trenor destacou que “o encaixe é o sinal de identidade de Camariñas, polo que esta terra é coñecida e apreciada en todos os recunchos do planeta. A proba é que durante estes días pasarán por esta instalación turistas procedentes de todos os continentes”.
Ademais, recalcou que “case o 60% das palilleiras galegas residen neste concello e no mesmo podemos atopar á venda estes finísimos traballos en multitude de tendas especializadas”.
O delegado da Xunta rematou animando a todos a visitar este Concello: “se algún aínda está a sopesar plans de última hora, visitar Camariñas estes días é un acerto garantido. A mellor contorna, a mellor gastronomía, a mellor compañía e a beleza espectacular e cativadora dos seus encaixes”.
A mostra abriu as súas portas o mércores 5 de 15.00 a 21.00 horas, onte xoves 6, venres 7 e sábado 8 de 11.00 a 21.00 horas e o domingo 9 de 11.00 a 21.30 horas.