“É moito máis estresante o traballo das exposicións que as publicacións", afirma Juan Conde
A área de publicacións e exposicións do Consorcio
de Santiago, baixo a responsabilidade de Juan Conde, é un dos ámbitos
recoñecidos polos cidadáns a tenor das estatísticas. Ao redor de 20.000 visitas
anuais rexistra a Casa do Cabido, mentres que ás presentacións periódicas dos
seus libros asisten unhas duascentas persoas. “É moito máis estresante o traballo
das exposicións que as publicacións. Pouca xente sabe o que hai por detrás, non
se reduce a colgar fotografías ou cadros no mellor dos casos; hai un traballo
de planificación moi exhaustivo, meticuloso, de moitos meses, que non se ve,
pero se falla, nótase”, segundo sinala Conde.
Fotografía, pintura, debuxo, escultura,
bibliografía, postais, xoias, moda, ourivaría, arquitectura efémera,
instrumentos musicais, figuras e obxectos de todo tipo constitúen a
multiplicidade de soportes, formatos e técnicas artísticas que se puideron
contemplar nos últimos oito anos na Casa do Cabido e o Museo das Peregrinacións
e de Santiago.
Cara ao ano 2012 empezou a entidade a organizar e
promover exposicións, primeiro no Museo e logo no Cabido. “Aquela época foi de
tolos pero moi gratificante; practicamente vivía entre o Museo e a Casa do
Cabido. Tiñamos unha exposición permanente no antigo Banco de España que
ocupaba tres plantas e, a maiores, tres salas para exposicións temporais e a
Casa do Cabido. Unha tolemia”, advirte o seu responsable.
A día de hoxe, máis de corenta mostras organizou ou
promoveu o Consorcio, case todas relacionadas coa cidade e a súa historia.
Desde aquela “magnífica -destaca- sobre Santiago e a catedral no s. XIII” Compostela
dicitur, ata a colectiva que hoxe permanece temporalmente pechada sobre a
idea das identidades de xénero. Nestes últimos anos tamén se celebraron
exposicións alusivas a diversos aniversarios convertidos en efemérides: os 170
anos da Banda Municipal, os 125 da Escola Mestre Mateo ou os 25 e 20 da Real
Filharmonía de Galicia e os 25 do propio Consorcio. Todas as mostras teñen a
súa reseña correspondente na web.