O marinense, que tivo como berce o barrio de Cantodarea, xa se perfilaba como artista sendo novo, apostando pola música no conxunto 'Los 5 Platinos', grupo que logo mudaría o seu nome por "Os Xeixos", aqueles que dicían ser os Rolling Stones galegos. Subían ao palco impecablemente vestidos con chaquetas encarnadas e camisas con chorreras, ou mesmo traxe branco e camisa negra, percorrendo de lado a lado a xeografía galega, de festa en festa ou salas de aquí e acolá, compartindo palcos con outras afamadas orquestras galegas de Marín ou Pontevedra, as que levaban a palma xunto coas da Coruña.

En O Rosal, subiron ao palco durante as Festas de San Isidro Labrador, organizadas pola Hermandade Sindical de Labradores e Gandeiros, na época de Manuel Fernández Calderón, secretario da organización sindical creada baixo o auspicio do réxime franquista para a protección e asistencia aos agricultores e gandeiros.
Un dos temas preferidos de Gabriel Barros era "Mi tierra gallega" de Os Tamara, e igualmente do mesmo elenco musical de Prudencio Romo, "A Santiago vou" ou "Un beso y una flor" de Nino Bravo, sen esquecer a Antonio Machín.
Detrás do vocalista, estaban outros músicos como Casto, nos teclados; Xosé de la Torre, clarinete e saxofonista; e os que hoxe xa non están, Xosé Eirín Fariña, batería; Roxelio Manuel Pazos Freitas, máis coñecido como "Charneco", no baixo, e Cholo Briones, trompeta.

Lembra a voz do grupo que, nunha actuación co Concello de O Rosal, na Liga de Amigos, onde ficara sen voz o camareiro da entidade sociocultural, recomendáralle unha "vaca verde". Gabriel Barros pensou que lle estaban a gastar unha broma, mais cando lle serviron un "peppermint" con leite quente, a cousa mudou, pois o remedio fora eficaz e volveu subir ao palco cantando con naturalidade.
Hoxe, Gabriel Barros está inmerso noutra faceta creativa que sempre cultivou paralelamente á música, a pintura, igual que o inolvidable Eirín, sendo a súa primeira mostra na Asociación Santa Cecilia no ano 1998.
A súa obra plástica foi contemplada en salas de exposicións da Estrada, Forcarei, Combarro, Casa da Cultura de Seixo e, con grande éxito, no Museo Manuel Torres de Marín, sempre moi concorrido cando presenta a súa obra.
Desde a atalaia ou estudio na rúa Ezequiel Massoni de Marín, cada día enfróntase ás telas con temas mariñeiros, praias ou espazos circundantes como a illa de Tambo, as praias de Portocelo e Mogor. Igualmente aparecen pontes medievais, así como espigueiros ou cruceiros que se espallan de lado a lado de Galicia.
Os inesquecibles pintores coterráneos opinaron do seu traballo plástico: Manuel Torres "pinta como unha muller detallista"; Soneira definiuno como "o mellor que pinta as pedras", e Xosé Eirín considerábao como naíf.
Mais Gabriel Barros non se esquece da anécdota da "vaca verde".
