Día Internacional da Tradución

No Día Internacional da Tradución, a Fundación Plácido Castro vén de celebrar no Concello de Vilagarcía o acto de entrega do XX Premio Plácido Castro de Tradución a María Alonso Seisdedos polo seu traballo na novela de Irene Solà CANTO EU E A MONTAÑA BAILA (Canto jo i la muntanya balla).
A décimo primeira edición de Con barqueira e remador celebrarase na Illa de San Simón entre o 24 e o 29 de outubro. Baixo a coordinación da poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, que tamén participou na presentación, conformarán o encontro seis autores de dispares puntos xeográficos. En concreto, serán a escritora india Mamta Sagar, o checo Adam Borzič, o asturiano.

A Xunta de Galicia celebra hoxe o Día Internacional da Tradución con dúas citas: a presentación do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador por parte do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o apoio ao XX Premio Plácido Castro, en cuxa entrega participou esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A décimo primeira edición de Con barqueira e remador celebrarase na Illa de San Simón entre o 24 e o 29 de outubro. Baixo a coordinación da poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, que tamén participou na presentación, conformarán o encontro seis autores de dispares puntos xeográficos. En concreto, serán a escritora india Mamta Sagar, o checo Adam Borzič, o asturiano Miguel Rodríguez Monteavaro, a poeta bilingüe (en francés e occitano) Aurélia Lassaque, a sueca Ida Börjel e a poeta d’O Paramo (Lugo), Lorena Souto. Ao longo destas xornadas, os participantes realizarán un labor de tradución colectiva, presencial e recíproca aos idiomas representados.

“Porque a tradución literaria galega colabora no enriquecemento da lingua abríndolle portas e ampliándolle horizontes, ben merece que esa achega se lle recoñeza xustamente no seu día internacional", afirmou a galardoada.

No transcurso da presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou o papel desta cita para “ crear un punto de encontro creativo arredor da tradución e da poesía, coa presenza de creadores de diferentes partes do mundo”. Así mesmo sinalou a importancia de presentar o obradoiro “no día en que celebramos e poñemos en valor esa actividade fundamental no ámbito do sector do libro e da industria cultural de Galicia que é a tradución”.

REFERENTE

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu en Vilagarcía de Arousa ao acto de entrega do Premio Plácido Castro de Tradución, que na súa XX edición recaeu en María Alonso Seisdedos pola tradución de Canto jo i la muntanya balla/Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá.

María Alonso Seisdedos.

O representante da Xunta de Galicia felicitou á gañadora, así como á organización deste premio que “se ten consagrado como un referente no sistema literario galego e que cumpre xa 20 anos de traballo e dedicación”.

O galardón, que conta co apoio do Goberno galego, está dotado cun diploma, unha peza escultórica denominada Babelio, deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves, e unha dotación económica de 2.000€.

Con 44 traducións literarias dende 1980 ata a actualidade, María Alonso Seisdedos traduce do inglés, alemán, castelán e catalán. Na súa traxectoria destacan, ademais deste galardón, o Premio Nacional á mellor tradución de 2014 e o Premio Xela Arias.