DeVigo dirixe a RFG en tres concertos gratuítos baixo o lema 'Música para a cidade'

A batuta levaraa o mestre Pablo Devigo, no que será o seu debut coa RFG.

A Real Filharmonía de Galicia ten entre as súas prioridades achegar a orquestra e a música clásica a toda a cidadanía. Así, ao longo desta temporada están previstas unha serie de actuacións gratuítas, tanto na sede da RFG como noutros espazos diferentes da cidade.

Para dar a benvida ao público compostelán, como por razóns de seguridade sanitaria este ano a orquestra non pode ir aos barrios, convidará aos veciños do Concello de Santiago ao Auditorio de Galicia, a tres concertos que se celebrarán esta semana, os días 30 de setembro e 1 e 2 de outubro, ás 19:00 h. A batuta levaraa o mestre Pablo Devigo, no que será o seu debut coa RFG. Xa están esgotados todos os convites.

DeVigo está a rematar o doutoramento na Universidade de Indiana, especializándose en piano e clave.

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá ao público unha selección de obras clásicas moi populares, entre elas un fragmento de A Cincenta do compositor italiano Gioachino Rossini (1792-1868). De Felix Mendelssohn (1809-1847) soarán As Hébridas, un poema sinfónico dedicado ás illas escocesas. O público poderá escoitar ademais varios movementos da Sinfonía nº 39 “Tormenta no mar” de Franz Joseph Haydn (1732-1809).

A orquestra achegará tamén aos asistentes parte de dúas obras do compositor noruegúes Edvard Grieg (1843-1907), a Suite Holberg e Peer Gynt. E de Beethoven (1770-1827) interpretará dous movementos da Sinfonía nº 6 “Pastoral”, inspirada na natureza e na vida no campo.

DEVIGO

Recentemente nomeado director asistente da Carmel Symphony Orchestra (Estados Unidos) e do Teatro de Ópera e Ballet da Universidade de Indiana, Pablo Devigo é natural da localidade ourensá de Castro Caldelas. En novembro de 2019 foi asistente do mestre Paul Daniel e a Real Filharmonía de Galicia na estrea da ópera galega A amnesia de Clío de Fernando Buíde.

Graduouse en Composición e Dirección no Conservatorio Superior de Música do Principado de Asturias. En 2015 foi recoñecido cunha bolsa Fulbright para continuar os seus estudos de Dirección no Instituto de Música de Cleveland. Na actualidade está a rematar o doutoramento na Universidade de Indiana, especializándose en piano e clave.