viernes. 22.11.2024
Homenaxea ao artista gráfico no Día da ilustración

Debuxos orixinais de Xesús ‘Chichi’ Campos nunha mostra na Biblioteca de Galicia

A mostra bibliográfica reúne unha escolma das publicacións nas que colaborou Xesús Campos (Tenerife, 1952-Santiago de Compostela, 1991) partindo da Cova das choias, a primeira revista de banda deseñada galega. O percorrido chega, a través de seis vitrinas, ata os últimos estudos e homenaxes dedicados á obra do que foi un perspicaz cronista da política e a sociedade dos anos da transición en Galicia. 
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou que se trata dunha “aproximación tanto á arte como á personalidade dunha das mellores testemuñas dos anos da transición en Galicia”.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou que se trata dunha “aproximación tanto á arte como á personalidade dunha das mellores testemuñas dos anos da transición en Galicia”.

A Xunta inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura a exposición Xesús ‘Chichi’ Campos: o humor de trazo elegante, que homenaxea a un dos máis destacados debuxantes galegos da súa xeración con motivo do Día da Ilustración, que se conmemora neste 30 de xaneiro.

A mostra bibliográfica reúne unha escolma das publicacións nas que colaborou Xesús Campos (Tenerife, 1952-Santiago de Compostela, 1991) partindo da Cova das choias, a primeira revista de banda deseñada galega. O percorrido chega, a través de seis vitrinas, ata os últimos estudos e homenaxes dedicados á obra do que foi un perspicaz cronista da política e a sociedade dos anos da transición en Galicia. 

Entre as pezas expostas figuran debuxos, bosquexos e maquetas orixinais. Son materiais rescatados do arquivo da revista Can sen dono, pertencentes na actualidade aos fondos da Biblioteca de Galicia. Estas pezas ofrecen tamén unha ollada peculiar do proceso de creación e edición nos anos previos á difusión da tecnoloxía dixital no mundo editorial.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou durante o acto de inauguración que se trata dunha mostra que “trata de facer unha aproximación tanto á arte como á personalidade de Xesús ‘Chichi’ Campos como unha das testemuñas máis lúcidas dos anos da transición en Galicia, pero tamén como coetáneo dos artistas de A Movida”.

No acto estivo acompañado pola directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; pola subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Rubal; a presidenta da Asociación galega de Profesionais da Ilustración, Laura Romero; o fillo do autor homenaxeado, Nicolás Campos; e o comisario da mostra e técnico da Biblioteca de Galicia, Fernando Recamán.

Un home polifacético: debuxante, humorista, columnista, cronista político

A exposición trata de ofrecer unha imaxe de conxunto do humor e a visión do mundo dun home polifacético como foi ‘Chichi’ Campos. Así, o percorrido lévanos desde o seu debut artístico en 1973 na revista A cova das choias,cun debuxo recargado e contido simbólico, ata unha evolución que se alonxa do cómic e que sería o seu estilo definitivo, con liñas que se volven máis angulosas e cunha ollada máis crítica dirixida a persoeiros da sociedade galega.

Dos seus anos da política activa, a exposición recompila documentos gráficos, nalgúns casos mesmo deseñados por el, como son varios carteis de mitin cedidos pola Biblioteca Pública da Coruña. Tamén unha das vitrinas está dedicada ao proceso creativo, tanto artístico como técnico, partindo da cuberta dun dos números de Can sen dono, publicación que recolle moitas das colaboracións de Campos.

DOCUMENTAL 'CHICHI E MÁIS EU'

No marco da programación da Xunta polo Día da Ilustración tamén destaca o documental Chichi e máis eu, que se está a proxectar en varias bibliotecas públicas de Galicia e que chegará á Cidade da Cultura. Será este venres, día 2 de febreiro ás 19,00 horas, cando se poderá visionar no Auditorio da Biblioteca de Galicia esta peza audiovisual realizada dende o punto de vista do seu fillo, Nicolás Campos. A entrada é de balde, previa reserva na web www.cidadedacultura.gal

Debuxos orixinais de Xesús ‘Chichi’ Campos nunha mostra na Biblioteca de Galicia
Comentarios