A conxuntura económica actual
José M. González-Páramo, participará no Foro UIE de Sociedade e Economía mañá mércores, 1 de marzo, ás 19.00 h na Sede Afundación A Coruña. O catedrático en Facenda Pública e alto responsable en organismos internacionais falará sobre «O retorno da inflación. Algunhas ensinanzas para o BCE». A entrada é libre e gratuíta ata completar capacidade.
González-Páramo abordará como a pospandemia e as consecuencias da invasión de Ucraína fixeron retornar a inflación a máximos de catro décadas. É difícil esquivar, na súa opinión, a conclusión de que o BCE e outros bancos centrais han ido por detrás dos acontecementos, ignorando a persistencia da inflación durante máis dun ano. Como puido ocorrer? Que efectos tivo este atraso sobre a credibilidade e a resposta da política monetaria do BCE? A medio prazo, tanto a loita antiinflacionista como a independencia dos bancos centrais enfróntanse a desafíos que poderían poñer en risco os beneficios para a sociedade destas importantes institucións.
GONZÁLEZ-PÁRAMO
Entre 1994 e 2004 foi membro da Comisión Executiva e do Consello de Goberno do Banco de España. Entre 2004 e 2012 foi conselleiro executivo e membro do Consello de Goberno do Banco Central Europeo.
Entre 2013 e 2020 desempeñou as funcións de conselleiro executivo e director xeral de Economía, Regulación e Relacións Institucionais e presidente do Consello Asesor Internacional dunha das principais entidades financeiras españolas. Actualmente é vocal no Consello de Administración de ABANCA e presidente do Consello Supervisor de European DataWarehouse GmbH e European DataWarehouse Ltd.
No ámbito académico foi catedrático desde 1988 e director do departamento de Facenda Pública na Universidad Complutense de Madrid e profesor en programas para executivos de alto nivel (CEO, CFO, CRO e outros) en IESE Business School.
Adicionalmente, González-Páramo foi parte de diferentes grupos de traballo, consellos asesores, fundacións e outras entidades e organismos internacionais dos ámbitos económico, académico e de cooperación, como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, a OCDE e a Academia Europea de Ciencias e Artes, entre outros. Na actualidade é membro das xuntas directivas de Bruegel e Cercle d’Economia, e os consellos asesores do Bretton Woods Committee e o Systemic Risk Council, entre outras institucións.
FORO UIE DE SOCIEDADE E ECONOMÍA
O Foro UIE de Sociedade e Economía nace como unha proposta de debate e reflexión sobre os retos, desafíos e riscos do contexto económico e social actuais. A programación inclúe conferencias e debates de expertos nacionais e internacionais en ámbitos como as novas tecnoloxías, a industria 4.0, a intelixencia artificial e a robótica, a sostibilidade e os novos modelos económicos, os problemas e retos sociais que implican todos os cambios estruturais actuais, os cambios de paradigma, a xeración de valor por parte das empresas ou a súa gobernanza, entre outros. O foro aborda, nun contexto de revolución do intanxible e contorna volátil, novas fórmulas como a economía circular, a economía prateada ou a gig economy e os desafíos aos que nos enfrontamos como sociedade.