Convocada a segunda edición do premio de novela 'Camiño de Santiago'

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na presentación do galardón, que abre o seu prazo de participación ata o 15 de setembro.

O Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acolleu hoxe a presentación da segunda edición do Premio de Novela Camiño de Santiago, que impulsa a Academia Xacobea coa colaboración da Xunta de Galicia e o patrocinio de Aluminios Cortizo S.U.L. e a colaboración da Editorial Galaxia, co obxectivo de promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo.

“Este galardón é unha dobre oportunidade, para que os escritores e escritoras en lingua galega dean a coñecer o seu traballo e a súa valía, e para que o público lector se achegue ao Camiño de Santiago percorréndoo tamén a través da literatura”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación.

Participaron canda el o presidente e o vicepresidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Marcelino Agís, respectivamente; o director de edicións da Editorial Galaxia, Carlos Lema, e o académico Jesús de Juana.

DINAMIZAR

O II Premio de Novela Camiño de Santiago ten como tema referencial o Camiño de Santiago. As novelas, relatos ou conxuntos de relatos orixinais que se presenten a el, ata o vindeiro 15 de setembro, deberán ofrecer unha extensión mínima de 200 páxinas a dobre espazo e tipografía especificada nas bases. Deste xeito, a histórica vía deberá estar presente de maneira notoria na narración, na súa vertente física, histórica, cultural, social ou imaxinaria.

A obra gañadora recibirá 3000 euros e a publicación pola Editorial Galaxia, tanto en galego (no selo Galaxia), coma e castelán (no selo Mar Maior). Haberá tamén un accésit sen dotación económica para a mellor obra literaria redactada no idioma que non obteña o primeiro premio. Toda a información e bases no Portal da Lingua Galega.