Conferencia da arquitecta e investigadora británica Carolyn Steel
A Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) vai celebrar unha conferencia da arquitecta e investigadora británica Carolyn Steel, figura de referencia mundial no eido da relación entre a comida e as cidades. Baixo o título Sitopia: como os alimentos poden salvar o noso territorio, terá lugar o vindeiro martes, 7 de novembro, ás 19.30 horas na sede do Colexio.
Carolyn Steel é autora dos libros Hungry City (2008) e Sitopia (2020), publicados en España como Ciudades hambrientas (2020) e Sitopía (2022). Trátase de dúas obras que resultan esenciais para comprender de que maneira as formas de producir os alimentos moldean as nosas cidades, así como tamén as implicacións do noso xeito de consumir alimentos na saúde das mesmas.
Esta conferencia forma parte de “Sitopías”, un ciclo de debates de carácter multidisciplinar que, desde a arquitectura, ten como obxectivo abordar a importancia dos sistemas alimentarios de proximidade para a saúde do territorio e para a saúde humana. Tamén afonda na importancia de recuperar e protexer un dos patrimonios máis valiosos de Galicia como é o seu metabolismo social tradicional. “Isto implica impulsar e revalorizar a produción de proximidade e os mercados de abastos e, asemade, desenvolver as infraestruturas locais complementarias e os novos enfoques de planeamento que son necesarios para este fin” -salienta a codirectora do ciclo e presidenta a delegación da Coruña do COAG Ruth Varela-.
Este ciclo está impulsado pola Asociación cultural Flor de Santiago e por profesorado do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Está financiado pola propia Asociacion, grazas aos fondos competitivos da Convocatoria do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro da Deputación da Coruña. Conta tamén coa colaboración do sociólogo e experto internacional en soberanía alimentaria pola UNIA José Luis Fernández Casadevante, membro da cooperativa sen ánimo de lucro Garúa e autor, xunto a Nerea Morán, do prólogo do libro Ciudades hambrientas de Carolyn Steel.
Carolyn Steel: “Valorando os alimentos e moldeando conscientemente o mundo a través deles, podemos achegarnos ao soño utópico de construír unha sociedade sa, xusta e resistente”
No transcurso da charla Carolyn Steel porá de manifesto que vivir hoxe nunha cidade implica que pode ser difícil “ver” a comida. “A industrialización foi ocultando as complexas cadeas de subministración que transportan as nosas fabas, sardiñas e cenorias desde a terra e o mar cara os nosos supermercados, cafés, cociñas e mesas. Non obstante, vexámolo ou non, a influencia da comida está en todas partes: nos nosos corpos, hábitos, fogares, cidades, paisaxes, política, economía e clima” -indica-. Vivimos nun mundo moldeado pola comida, que a autora chama “sitopía” (do grego sitos, comida + topos, lugar).
“Ao non valorar os alimentos, temos creado unha mala sitopía que ameaza o noso futuro no planeta. O cambio climático, a deforestación, a erosión do solo, o esgotamento da auga, a contaminación, a extinción masiva, as enfermidades relacionadas coa dieta e as pandemias zoonóticas son só algunhas das externalidades da forma en que comemos agora” -sinala a arquitecta británica-. “As nosas vidas baséanse na ilusión de alimentos baratos, cando en realidade non existen. Porén, hai un remedio: devolvendo aos alimentos o seu verdadeiro valor e aproveitando o seu poder para o ben, podemos reequilibrar a nosa relación coa natureza e entre nós” -manifesta-.
“Sitopía non é utopía pero valorando os alimentos e moldeando conscientemente o mundo a través deles, podemos achegarnos ao soño utópico de construír unha sociedade sa, xusta e resistente” -asegura-.
Carolyn Steel é unha destacada pensadora nos eidos que relacionan a alimentación e as cidades
Carolyn Steel é unha destacada pensadora nos eidos que relacionan a alimentación e as cidades. Arquitecta e académica afincada en Londres, os seus premiados libros Hungry City: How Food Shapes Our Lives (2008) e Sitopia: How Food Can Save the World (2020) téñense traducido a 15 idiomas. O seu concepto de "sitopia" (lugar da comida) obtivo recoñecemento internacional nunha ampla gama de campos académicos, do deseño, a industria e as artes.
Desde que estudou arquitectura na Universidade de Cambridge, ten impartido clases e conferencias en varias universidades, entre elas Cambridge, London Metropolitan, Wageningen, Aeres e Slow Food (Pollenzo), así como na London School of Economics, onde foi directora do primeiro Programa “Cities”. Directora non executiva de Kilburn Nightingale Architects, Carolyn é unha conferenciante solicitada en todo o mundo, e a súa charla TEDGlobal de 2009 ten recibido 1,4 millóns de visitas.