Concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. Como colofón dos seus estudos, os xoves músicos están a protagonizar varias actuacións nestas semanas, que están a ter lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia, todas elas ás 20:30 horas.

As entradas destes concertos son gratuítas ata completar aforo. Non obstante, debido á situación sanitaria provocada pola COVID-19, as persoas interesadas en asistir deberán reservar praza (máximo dúas por persoa), enviando un correo electrónico a area.cultura@usc.es (indicando o seu nome, apelidos e teléfono), ata o día do concerto ás 12.00 horas.

Mañá martes, 8 de xuño, celebrarase unha nova actuación no marco deste ciclo. O clarinetista Bernardino Assunçao, interpretará a Sonata nº 1 para clarinete e piano de Brahms e a Fantasía para clarinete solo de Jörg Widmann.

De seguido, o violinista Manuel Muñoz achegará ao público asistente un fragmento do Concerto para violín e orquestra nº 4 de Mozart e do Concerto para violín e orquestra en Re de Brahms.

Como remate do concerto, soará a Partita para violín solo nº 2 de Bach, parte da Romanza para violín e orquestra, The Lark Ascending do compositor Ralph Vaughan Williams, ademais do primeiro movemento do Concerto para violín e orquestra en Re de Brahms. A encargada de interpretar estas obras será a violinista Clara Pedregosa.

Esta iniciativa de “A Escola na Cidade” continuará os días 10, 14, 15 e 18 de xuño con novos concertos dos alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais, tamén no Paraninfo da Universidade de Santiago.