Como impulsar unha Inteligencia Artificial máis humana
Como debe ser o camiño para unha intelixencia artificial (IA) admisible e humana? Por que Galicia ten un papel protagonista niso? Son dous dos asuntos que Antonio Torrado, socio director da área de Big Data&Advanced Analytics de SDG Group, abordará durante a súa intervención no ciclo de conferencias sobre IA organizadas por Afundación e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) no marco da exposición «AI: More than Human». A charla será na sede de Afundación na Coruña o martes 10 de xaneiro ás 19.00 horas. Tamén poderá seguirse, en directo e en aberto, a través de Afundación.TV.
Cunha disertación titulada «Cara á IA, sen medo: Fundamentos para unha IA humana e admisible», o físico galego abordará a relación entre a especie humana e a súa convivencia con máquinas intelixentes e con conciencia propia.
Antonio Torrado, que conta cunha longa traxectoria internacional traballando para algunhas das multinacionais tecnolóxicas do planeta, referirase aos novos medos e ansiedades que afrontamos nun momento no que dispositivos de uso común dotados de IA comezan a ser parte das nosas vidas. Sostén Torrado que as aplicacións destas novas capacidades tecnolóxicas desenvolvidas pola especie humana representan «unha oportunidade para o avance da sociedade e a resolución de moitos dos nosos retos».
Con máis de vinte anos de experiencia no sector de análise e xestión de datos a grande escala, Antonio Torrado liderou diversos proxectos que, a partir de inxentes volumes de datos, conseguiron extraer conclusións sobre o comportamento de clientes, establecendo unha estratexia de dirección eficaz.
A conferencia será a primeira das dúas programadas para este mes no ciclo vinculado á exposición «AI: More than Human». A mostra, que se pode visitar na sede herculina de Afundación, rexistra durante as últimas semanas unha notable afluencia de público. A serie de charlas sobre a materia impulsadas por UIE e Afundación terminará o xoves 19 de xaneiro coa participación da especialista en robótica Concha Monje. A interacción entre humanos e robots será o eixe central da súa conferencia.
Cando conclúa, este ciclo conseguiría achegar ao público da Coruña e Galicia cinco relevantes especialistas internacionais en intelixencia artificial, tres deles galegos. A actividade enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos e que pretende contribuír con produtos de primeira necesidade para os bancos de alimentos locais. As persoas que asistan ás conferencias poderán colaborar doando produtos non perecedoiros ao acudir ás actividades. O acceso á conferencia é libre, previa reserva, nesta ligazón.