A clausura desta décimo cuarta edición do (S8) estará a cargo do británico Anthony McCall
A última xornada do (S8) XIV Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña comeza mañá domingo 4 de xuño ás 12h00 no Atalaya co encontro internacional de editoriais de cinema experimental organizado no marco do Observatorio. Dar fe: como editar libros sobre cine experimental hoxe reunirá na Coruña representantes da francesa Eyewash Books, comandada por Scott Hammen; as arxentinas La Vida Útil, da man de Lucía Salas, e Caja Negra, con Pablo Marín; a revista española Lumière, con Francisco Algarín á cabeza; e o colectivo editorial fundado en Marsella Stereo Editions, coa presenza de Helena Gouveia Monteiro. Tamén, a editorial alemá Hatje Cantz, invitada a participar na Mostra pola recente publicación do libro Helga Fanderl. Konstellationen Super 8, que presentará no (S8) a propia cineasta Helga Fanderl.
Xa pola tarde, ás 17h00 a Sala (S8) - PALEXCO acollerá a clausura desta décimo cuarta edición do (S8). O británico Anthony McCall, pioneiro do cinema experimental e figura clave de arte contemporánea, de visita por primeira vez no noso país no marco dun festival de cine, será o encargado de poñer o broche de ouro á Mostra. Será cunha espectacular posta en escena simultánea dos seus traballos lumínicos. En concreto, este programa de McCall -que chega despois da masterclass e da sesión do sábado- inclúe a súa obra máis célebre, Line Describing a Cone (1973) en formato orixinal 16 mm e a versión en dixital da mesma, Line Describing a Cone 2.0 (2010), ademais das pezas Conical Solid (1975), Four Projected Movements (1975) e Doubling back (2003).