Ciclo sobre Wong Kar-Wai

A Xunta de Galicia retoma mañá a actividade pública na sala de proxección do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) tras o peche sanitario das últimas semanas. Farao con cinco das sesións adiadas, como o inicio da completa retrospectiva que lle dedicará ao icónico director hongkonés Wong Kar-wai e os coloquios virtuais cos realizadores Luis López Carrasco e Álvaro Orús con motivo da proxección das súas obras El año del descubrimiento e El principio del fin de las armas nucleares, respectivamente.

Mañá, ás 19,00 h., dará comezo con Days of Being Wild (1990) o ciclo Universo Wong Kar-wai, que ofrecerá as restauracións en 4k de sete dos seus filmes realizadas con motivo do vinte aniversario da estrea de In the Mood for Love (2000), título que o consagrou como imprescindible en calquera listaxe internacional de cinema de autor.

O especial da cinemateca da Xunta de Galicia inclúe tamén As Tears Go By (1988), que poderá verse este xoves ás 19.00 h, e xa en vindeiras datas Chungking Express, Fallen Angels, Happy Together, 2046 e a devandita In the Mood for Love.

PRESENTACIÓNS

Tamén se reprograman nesta semana dous dos coloquios cinematográficos previstos inicialmente para finais do pasado mes de xaneiro. O mércores 24, ás 17,30 h., proxectarase o documental El año del descubrimiento, que tamén poderá verse o 2 de marzo, con motivo do que o CGAI conectará en liña co seu director, o realizador murciano Luis López Carrasco. Este novo traballo do autor de El futuro, considerado como unha figura única do cinema español, chega ás salas precedido dos premios nos festivais Cinéma du Réel de París, Bogotá, Toulouse ou Jeonju, así como do aplauso da crítica, que mesmo o definiu como o mellor filme español do ano.

Pola súa banda, o director aragonés Álvaro Orús presentará o venres 26, ás 19,00 h., outro documental: El principio del fin de las armas nucleares, no que recolle numerosos testemuños sobre a historia da ameaza nuclear a nivel mundial, os movementos na súa contra e os esforzos para incorporar ao dereito internacional o Tratado sobre a prohibición das armas nucleares. Xunto coa presentación en liña do seu realizador, o coloquio contará coa participación Marisa Fernández, presidenta da Asociación Mundo Sen Guerras.

Así mesmo, o sábado terá lugar unha nova cita coa sección CGAI Júnior, dentro da que ás 18,00 h. poderá verse El niño y la bestia, de Mamoru Hosoda.

A programación do CGAI, que durante o mes de marzo continuará recuperando as funcións adiadas, desenvólvese nunha única sesión diaria e con limitación da capacidade para dar cumprimento ao protocolo de control sanitario. Os pases son de entrada gratuíta