Chelo Pampillón, directora de Fontevella Teatro: “Cando iniciamos unha nova obra, os veteranos actores rexuvenecen”

Fontevella tras respresentar 'A Leira' no Porriño.
Chelo Pampillón celebra o 30 aniversario de Fontevella Teatro coa obra "A Leira", destacando a vitalidade dos seus actores séniors. A directora aproveita a sinerxia entre os seus tres grupos, fomentando o intercambio interxeracional no teatro afeccionado do Porriño.

Chelo Pampillón estaba onte especialmente feliz. Para esta muller do mundo do teatro –confesa que é a súa forma de vida–, Fontevella celebraba o seu 30 aniversario coa obra ‘A Leira’ no Círculo Recreativo Cultural do Porriño.

Esta porriñesa, que leva toda a vida sobre o escenario, dirixe tres grupos de teatro afeccionado: Atrezzo, Fontevella e Pecatrezos.

Os de Fontevella son todos séniors. Dos que comezaron o 27 de febreiro de 1995, só permanece a veterana Amparo Tellado. Desde entón, o grupo foise renovando con novos actores séniors que sorprenden sobre o escenario. Como di a súa directora: “O bo de Fontevella é que a medida que se ían uns, viñan outros”.

Os veteranos actores de Fontevella, recoñece Pampillón, “cando iniciamos unha nova obra, rexuvenecen. Non o digo por dicir. De repente, renóvanse, teñen unha ilusión”. E o recoñecemento valóranllo moito, como é “un minuto de aplausos”.

Chelo aproveita sinerxías entre os tres grupos de teatro que dirixe. Así, os pequenos estiveron nos ensaios de ‘A Leira’ e, ao ver o papel dalgúns, dicían: “E o meu avó di que é vello…”. E o 5 de abril, cando os Pecatrezos representen microobras, algunhas de autoría deles mesmos, algúns actores de Fontevella van intervir na súa obra representando papeis de avós ou mamás. “É que non somos trastos vellos”, conclúe a directora.

‘A Leira’, que se estreou onte, foi unha obra de autoría de Lisi Da Silva coa dirección de Chelo Pampillón. Da Silva é novelista con varias obras publicadas, pero esta foi a súa primeira obra de teatro. ‘A Leira’ é a historia da familia de Rogelio, unha familia do mundo rural, que atopa agochado un tesouro no seu palleiro. Na obra vense as distintas reaccións dos membros da familia ante a repartición do tesouro que se vai facer... Divertida e moi enxebre na tipoloxía das personaxes.

O elenco de actores: Amparo Tellado (Carmela), Balbi Rodríguez (Teresa), Enrique González (Jesús), Valentina Boullosa (Marina), José Melón (Marcial), Adriano Campos (Rogelio), Marisa Sueiro (Kika), Susana Leiro (Lucía). Iluminación e son: Andrés Tuñón. Deseño do cartel: Lucía Giménez.