A Xunta de Galicia fixo esta mañá entrega dos premios aos gañadores do certame Lingua de Namorar. Os seis autores das mellores mensaxes de declaracións de amor en galego na rede recibiron hoxe o seu premio logo de que o pasado maio o xurado ditaminara os gañadores. Con este certame o Goberno galego procura dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e en internet.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, xunto co Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, entregaron aos galardoados o seu premio nun acto que tivo lugar no Pazo de San Roque.
Deste xeito, Cristina Pichel deu as grazas a todos os participantes a este concurso e felicitou aos gañadores pola calidade das mensaxes presentades. Ademais, destacou que este é un concurso que gusta moito entre a xuventude xa que promove a súa creatividade e impulsa o seu talento literario.
Pola súa banda, Valentín García sinalou a importancia deste certame para promover o uso da lingua galega entre os máis novos, o que supón un impulso para que comuniquen e expresen os seus pensamentos e sentimentos no noso idioma propio.
PREMIADOS
Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) foron galardoados os traballos Retórica (1º premio, co que Nee Barros, de Marín, Pontevedra acumula xa catro distincións consecutivas neste concurso desde 2017), Primavera (2º premio, para Ana Loureiro, de Caldas de Reis, Pontevedra) e Ao altar (3º premio, para María Femenías, de Foz, Lugo).
Na categoría B (de 20 a 35 anos), recaeron en Ataraxia (1º premio, para Leticia Cid, de San Cibrao das Viñas, Ourense), Un vinilo dos Dire Straits (2 premio, para Denís Vicente, da Guarda, Pontevedra) e Fuxitivas (3º premio, para Silvia Pérez, tamén da Guarda, Pontevedra).
Participaron no xurado –presidido pola escritora Rosalía Morlán– Hugo Lozano e Nerea Pallares, gañadores dos 1º premios Xuventude Crea 2019 nas modalidades de Poesía e Relato Breve, respectivamente; Alicia Padín, en representación da Rede de Dinamización Lingüística; Nancy Domínguez, en representación da Rede Galega de Información Xuvenil; Ángela Fernández, en representación da Consellería de Política Social, e Beatriz Corral, en representación da Consellería de Cultura e Turismo.
MENSAXES MUSICADAS
Tanto as mensaxes gañadoras coma as outras 213 que concorreron aos premios, e que votaron 566 internautas, están dispoñibles na web www.xuventude.xunta.gal e no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal. Nas devanditas webs tamén están dispoñibles seis vídeos nos que Xermán Bugallo, gañador do certame Xuventude Crea 2019 na modalidade de Música, lles pon voz e melodía aos seis traballos gañadores de Lingua de Namorar 2020.Imaxes relacionadas