O Centro Dramático Galego coproducirá a posta en escena de ‘O auto do Castromil’ por Excéntricas
A compañía compostelá Producións Teatrais Excéntricas é a gañadora do III Certame Manuel María de proxectos teatrais con O auto do Castromil, que levará a escena en coprodución coa Xunta de Galicia, a través do Centro Dramático Galego, tal e como recollen as bases deste concurso bienal organizado pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
O nome da proposta vencedora deuse a coñecer esta mañá no transcurso dun acto celebrado no Salón Teatro de Santiago e no que participou Fran Núñez, director da compañía institucional. O certame conta tamén coa implicación de numerosas entidades de toda Galicia, entre as que se atopan os máis de trinta concellos que acollerán as representacións do espectáculo, as tres deputacións provinciais, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Mostra de Teatro Galego de Cariño e o Festival de Teatro Galego do Carballiño.
Quico Cadaval será o encargado de dirixir O auto do Castromil, para o que conta con gran parte do equipo habitual de Producións Teatrais Excéntricas, con Evaristo Calvo, Rocío González, Víctor Mosqueira e Patricia Vázquez nas interpretacións, Carlos Alonso no deseño da escenografía e do vestiario, Octavio Mas no da iluminación e Piti Sanz na composición musical.
Os baúis como metáfora teatral
A proposta presentada pola compañía parte do “suxestivo e enxeñoso artefacto dramatúrxico” presente na peza Auto do Castromil ou a revolución dos baúis, escrita por Manuel María en 1992 a modo de “brincadeira escénica”, segundo a forma que propuxo e desenvolveu Otero Pedrayo no seu Teatro de Máscaras. No seu espectáculo, Excéntricas botará man da metáfora teatral dos baúis para facer aparecer neles distintos anacos da historia de Galicia que o escritor chairego foi abordando ao longo de moitas das súas obras e que funcionan aquí como eixo conceptual.
As pezas escollidas pola compañía para configurar este percorrido son Auto dos simulados da Caravilla, Unha vez foi o trebón, Abril de lume e ferro, Entremés da OTAN e A farsa do Bululú.
A Fundación Manuel María de Estudos Galegos puxo en marcha este certame en 2018 co obxectivo de galardoar a mellor proposta escénica presentada por compañías teatrais galegas a partir de textos do autor de Outeiro de Rei. Ademais da implicación do Centro Dramático Galego como entidade coprodutora, o premio contempla unha axuda económica para a compañía gañadora e a representación do espectáculo resultante nos concellos adheridos a esta iniciativa. A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, e O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, foron as propostas vencedoras nas anteriores edicións do concurso.