Centenario do nacemento do artista ponteareán Alfonso Quinteiro

Alfonso vaciando un busto con su hija María Aurora.
O Concello homenaxea ao artista ponteareán Alfonso Quinteiro no marco da celebración do centenario do seu nacemento. Deste xeito, o próximo 27 de xaneiro presentarase o libro Alfonso Quinteiro, un talento na sombra.

O Concello homenaxea ao artista ponteareán Alfonso Quinteiro no marco da celebración do centenario do seu nacemento. Deste xeito, o próximo 27 de xaneiro presentarase o libro Alfonso Quinteiro, un talento na sombra no que o escritor Manrique Fernández rescata a figura e a obra do escultor e, ademais, a concellería de Ensino celebrará ao longo de todo o ano diferentes actividades que contribuirán ao recoñecemento do ilustre veciño.

Segundo explicou o concelleiro de Ensino, Ricardo González, o primeiro dos actos será o próximo sábado 27 de xaneiro no que “ademais de presentar ao público o libro no que se recupera o legado de Quinteiro, quen desempeñou o seu labor no mundo da escultura durante o século XX, haberá máis sorpresas relacionadas co artista local”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, agradeceu o “traballo minucioso de Manrique Fernández á hora de recoller a obra inédita de Alfonso Quinteiro” e lembrou que “era o gran artista da vila, o referente, polo que me gustaría que ese sábado esteamos todos xuntos para demostrar a nosa admiración”.

No acto no que se presentou o evento do día 27, participou tamén a filla do escultor, Pili Quinteiro, quen agradeceu o recoñecemento que o Concello realiza ao seu pai. Ademais, destacou o talento do seu proxenitor “á hora de reproducir a alma das persoas mediante a escultura” e puxo como exemplo “o busto que elaborou a partir dunha fotografía a Reveriano Soutullo, outro dos nosos artistas nacidos no municipio”.

Finalmente, o escritor que rescatou a figura e o legado do ilustre veciño, Manrique Fernández, apuntou que “o obxectivo é difundir a historia deste ponteareán así como afondar no seu legado, vencellado ao mundo da escultura e tamén ao da pintura”. O autor indicou que “precisamente esta última disciplina é unha das máis descoñecidas, pero os seus traballos neste eido son simplemente espectaculares”.

Para continuar potenciando a difusión dos artistas ponteareáns, o Concello organizará para cada día 25 de cada mes, coincidindo co seu día de nacemento, diferentes actividades como concursos, conferencias ou contacontos.