Castelao no século XXI: Pilar García Negro analiza a súa vixencia no MARCO

Fachada do MARCO.
O MARCO de Vigo acolle a presentación do ensaio de Pilar García Negro sobre a vixencia de Castelao no século XXI, cunha charla-coloquio sobre o seu uso didáctico. A xornada, coordinada por Ramón Rozas, terá lugar na sala que acolle a mostra documental Castelao grafista.

No Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO, continúa a programación protagonizada pola escritora, sociolingüista e profesora Pilar García Negro, autora do ensaio Arredor de Castelao no século XXI, reeditado por Laiovento neste ano 2025, xoves 10 abril ás 20.00 horas. 

A sesión comezará cunha charla-coloquio sobre a figura de Castelao como recurso didáctico, dirixida preferentemente a profesorado e aberta a outras persoas interesadas en participar, seguida da presentación do libro.

Na súa obra Arredor de Castelao no século XXI, Pilar García Negro aborda temas como a visión política de Castelao sobre a autonomía e soberanía de Galicia, a súa obra artística, con especial foco no seu traballo como debuxante e humorista gráfico, o seu compromiso coa lingua galega e o seu papel na normalización cultural, e a vixencia das súas ideas no debate contemporáneo.

Alén do debate teórico, esta charla-coloquio con García Negro ofrecerá ao profesorado, estudantes, e a calquera outra persoa interesada, unha oportunidade única para redescubrir a actualidade e a inspiración que emana da figura de Castelao, moi especialmente na súa dimensión educativa e didáctica.

A xornada, coordinada por Ramón Rozas, terá lugar na sala Galería A3, que nesta tempada acolle a mostra documental Castelao grafista.