'Castelao grafista (facsímile)'
'Castelao grafista (facsímile)' é a segunda etapa dun proxecto expositivo máis amplo, froito, inicialmente, da colaboración entre a Fundación Gonzalo Torrente Ballester e a Real Academia Galega de Belas Artes, para promover a difusión e o coñecemento da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en diferentes cidades e países.
Afundación, a Obra Social de ABANCA, acolleu este venres na súa Sede de Lugo a rolda de prensa da exposición «Castelao grafista (facsímile)», desenvolvida en colaboración coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia. No acto estiveron Teresa Saiz, directora da Fundación Gonzalo Torrente Ballester; Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo; e Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación.
«Castelao grafista (facsímile)» permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de xaneiro e poderase visitar de luns a sábado de 17.30 a 20.30 h.
A exposición, comisariada por Miguel Fernández-Cid e con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Así mesmo, poderase ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 cubertas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.