'Castelao. Construtor da nación', mellor iniciativa bibliográfica de 2019
Os Premios Gala do Libro Galego é
unha iniciativa da Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritores e
Escritoras en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia. O xurado da
quinta edición dos premios, cos que se pretende recoñecer a excelencia do
traballo realizado no eido editorial ao longo de 2019 en Galicia, celebrou esta
fin de semana unha reunión telemática para dar a coñecer os galardoados deste
ano.
Na modalidade de “iniciativa
bibliográfica” resultou gañadora a obra Castelao.
Construtor da nación. Tomo I 1886-1930, a primeira parte da biografía do
intelectual galeguista escrita polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane como resultado da súa tese de
doutoramento e que terá continuidade noutros dous tomos. É unha coedición do Consorcio
de Santiago e a Editorial Galaxia.
Nesta ampla biografía de 1.331
páxinas recóllese a vida de “o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado,
o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se
vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o
profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista”.
Trátase do primeiro volume dunha “biografía monumental”, concibida por Miguel Anxo Seixas case coma un diario
da vida cotiá de Castelao, cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública, xunto
á actualidade da época. Ademais, o libro ilústrase con fotografías que mostran
diferentes momentos da súa traxectoria.
Esta publicación é o resultado do
labor de toda unha vida dedicada á investigación, á recollida de datos e
documentación ao redor da figura de Castelao. O autor plasma, de xeito moi
pormenorizado e rigoroso, aspectos ignorados ou esquecidos de quen foi unha das
personalidades fundamentais da nosa terra e analiza todo o que se escribiu
sobre el “para tentar facer esa biografía pendente”. Nesta liña, cómpre ter en
conta que Castelao estivo vetado pola ditadura ata 1975 e en parte oculto ata
1984.
O historiador ordenou e datou
todos os documentos escritos e gráficos compilados e outros novos descubertos
estes anos. Esta biografía “concibiuse dende o comezo como un diario persoal,
onde se vai marcando o que vai facendo neses días sinalados na súa cronoloxía,
ao longo dos seus 63 anos de vida” -sinala-.
'OBRA MORTA'
Miguel
Anxo Seixas explica
que o primeiro paso foi achegarse á “obra morta” de Castelao, todo o que se
conserva do que el escribiu e tamén da súa obra gráfica e pictórica. Desta obra
existía unha parte pública, editada xa en vida del, e outra privada e inédita,
de xeito que acudiu ou investigou os lugares onde se atopa esa obra: Galicia,
Madrid, Barcelona, Sevilla, Ciudad Real, Salamanca, Lisboa, Chile, Buenos
Aires, Montevideo, A Habana, Nova York e Miami.
Este primeiro volume, que vai de 1886
a 1930, recolle as orixes da súa familia (inclúe unha árbore xenealóxica dos
Rodríguez e dos Castelao), o seu nacemento, a realización do Bacharelato en
Compostela, os seus estudos de Medicina (durante esta etapa foi guitarrista e
caricaturista da Tuna), a súa mocidade, os seus primeiros encontros coa
pintura, a escritura e a ilustración, a súa familia, as súas incursións como
actor, a súa vida política, as viaxes ou a morte do seu fillo, entre outras
vivencias. A este volume seguiranlle outros dous, que van de 1931 a 1939 e de
1940 ata o seu falecemento en 1950.