‘Camiños creativos’
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a exposición Camiños creativos, un percorrido pola relación entre arte e movemento do século XVIII ata a actualidade. A mostra exhibe no Museo Centro Gaiás obras asinadas por grandes mestres da pintura e da fotografía –como Turner, Constable, Courbet, Corot, Rousseau, Sorolla ou Cartier-Bresson– e referentes da creación máis actual: desde David Hockney a Julian Opie, Jeppe Hein ou Cristina Iglesias.
A que será a última grande exposición internacional deste Xacobeo achega ao público galego máis dun centenar de obras –moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia–procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa. A mostra está comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos, e inclúe pintura, fotografía, audiovisuais e instalacións, algunhas das cales teñen unha destacada compoñente lúdica e interactiva.
O conselleiro de Cultura celebrou a chegada a Compostela desta “senlleira escolma de obras plásticas de grandes mestres da historia da arte e da fotografía como Turner, Constable, Sorolla ou Cartier-Bresson, pero tamén de destacados referentes da creación contemporánea”. Entre o centenar de obras presentes na mostra atopamos pezas asinadas por, entre outros, David Hockney —un dos pintores vivos máis influentes na arte do s. XX—, Cristina Iglesias —unha das artistas españolas actuais con máis recoñecemento internacional, premio de Arquitectura da Royal Academy— ou Jesús Rafael Soto —grande figura da arte latinoamericana do s. XX, con obras en coleccións como a do MoMA—.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, indicou que camiñar pode ser unha experiencia estética ou espiritual, unha práctica social ou unha forma de activismo, “camiñamos para descubrir, tanto o propio como o alleo, pero tamén, camiñamos para crear”, precisou.
“Esta exposición sobre Camiños creativos explora precisamente o vínculo entre movemento e arte. E que mellor lugar para expoñer esta obra que a cidade meta da peregrinación europea, Santiago de Compostela, que desde hai anos foi fonte de inspiración tanto para peregrinos como para grandes artistas, xa que non cabe dúbida que o Camiño é un dos grandes atractivos para todo tipo de artistas”, rematou Nava Castro.
No Museo Gaiás, as persoas visitantes atoparán ademais proxectos anovadores cun especial vencello con Galicia, como unha aplicación que crea melodías a partir do movemento das mareas realizada pola artista británica Victoria Evans, pinturas elaboradas con pigmentos da cinza de lumes dos montes galegos –da artista valenciana afincada en Galicia Irene Grau– ou un xogo de mesa arredor das andanzas de peregrinos e turistas do creador Juanma González ao que o público poderá xogar durante os primeiros días da exhibición.
DESPEDIDA
O titular de Cultura do Goberno galego destacou que Camiños creativos “é a culminación perfecta á grande oferta cultural deste Xacobeo, unha programación ampla, diversa e ambiciosa que, só no que respecta ás exposicións organizadas por este Museo Centro Gaiás, chegou a máis de 180.000 persoas”. Por último, o conselleiro quixo tamén agradecer a colaboración da trintena de institucións museísticas e coleccións que ceden algunha obra dos seus fondos para este ambicioso proxecto expositivo e que inclúen desde a Thyssen-Bornemisza Art Contemporary de Viena, á Galería Uffizi de Florencia ou o propio Museo do Prado.
ARTE E MOVEMENTO
A comisaria da mostra explicou que Camiños creativos “procura ser unha celebración do vencello e frutífera relación entre movemento e arte, entre o desprazamento a pé e a creación: camiñamos para descubrir e, tamén, camiñamos para crear”.
Para iso a exposición amosa desde unha ampla escolma da pintura paisaxista europea e da fotografía de rúa –obras que nunca terían existido se os seus autores non saísen do estudio a camiñar– a pezas que se moven pola sala de xeito autónomo ou instalacións que deben ser percorridas e experimentadas polo público. Entre estas últimas destacan un corredor de celosías suspendidas no aire asinado pola Premio Nacional de Artes Plásticas Cristina Iglesias ou unha instalación sensorial da serie Penetrables de Jesús Rafael Soto, formada por centenares de tubos flexibles de plástico transparente.
Fotografías de Cartier-Bresson, Virxilio Viéitez ou Cristina García Rodero e audiovisuais de grandes nomes da performance –como Marina Abramović ou Mona Hatoum– conviven no espazo expositivo con proxectos como as recoñecidas animacións con LED de Julian Opie, un dos creadores máis mediáticos dos últimos anos que ten traballado con bandas como Blur ou U2 –realizando visuais para a súa xira Vértigo en 2006–.