‘Camiños creativos’, nos seus últimos días na Cidade da Cultura

A mostra, comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos, achega ao público galego máis dun centenar de pezas, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.

A Cidade da Cultura de Galicia despide o domingo 9 de abril a exposición Camiños creativos, un percorrido pola relación entre arte e movemento desde o século XVIII ata os nosos días, que amosa no Museo Centro Gaiás obras de grandes mestres da pintura e da fotografía —desde Turner, a Constable, Courbet, Sorolla ou Cartier-Bresson— e referentes da creación contemporánea máis actual.

A mostra, comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos, achega ao público galego máis dun centenar de pezas, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.

Centrada na relación entre arte e movemento, a mostra achega unha destacada escolla de obras de grandes mestres da pintura e da fotografía e de recoñecidos creadores actuais procedentes dunha trintena de museos de Europa

Camiños creativos amosa unha ampla escolma da pintura paisaxista europea, sendo unha das poucas oportunidades de ver en Galicia obras de grandes paisaxistas ingleses como Turner ou Constable, incluíndo tamén instalacións cunha destacada compoñente lúdica e interactiva. Atopamos así desde obras que se moven pola sala de xeito autónomo a instalacións sensoriais que deben ser percorridas e experimentadas polo público: desde un corredor suspendido asinado por Cristina Iglesias —unha das artistas españolas actuais con máis recoñecemento internacional, Premio Nacional de Artes Plásticas e premio de Arquitectura da Royal Academy— ou un labirinto visual formado por 3.000 tubos de plástico translúcido do venezolano Jesús Rafael Soto —destacada figura da arte óptica e cinética, presente en coleccións como a do MoMA—.

Audiovisuais de grandes nomes da performance –como Marina Abramović ou Mona Hatoum– conviven no espazo expositivo con proxectos como as recoñecidas animacións con LED de Julian Opie, un dos creadores máis mediáticos dos últimos anos que ten traballado con bandas como Blur ou U2 –realizando visuais para a súa xira Vértigo–.

PROGRAMACIÓN PARA SEMANA SANTA

As exposicións do Museo Centro Gaiás e unha reforzada oferta de visitas comentadas centran a programación da Cidade da Cultura para esta semana festiva. Ata o domingo, os visitantes poderán coñecer polo miúdo a contorna arquitectónica e os espazos verdes do complexo a través de visitas guiadas de balde con tres quendas diarias a escoller (ás 12,30, 13,00 e 17,00 horas). Tamén se ve reforzada a oferta de visitas comentadas á exposición Camiños creativos nos seus últimos días.

A Semana Santa ofrece ademais unha oportunidade para achegarse ás outras dúas exposicións temporais que alberga o Museo Centro Gaiás actualmente: a escolma de arte contemporánea De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell e Detrás do espello, un percorrido pola pegada de Galicia na vida e a obra de medio centenar de grandes nomes da cultura universal, comisariada por Antón Reixa e Xosé Luís García Canido.

Durante esta semana festiva continuarán a poder visitarse as mostras bibliográficas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, entre as que destaca o proxecto Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo, centrada na saúde mental desde unha perspectiva de xénero a partir dos arquivos históricos deste hospital psiquiátrico. Tamén a instalación artística Fitotario —que converte as torres Hejduk nun invernadoiro interactivo no que as plantas soan ou se moven cando son tocadas— estará aberta no seu horario habitual.