'A camelia a flor das galegas e galegos' chega a Tui
Este venres, 17 de novembro, ás 12.00 h terá lugar a inauguración da exposición itinerante ”A camelia a flor das galegas e galegos” no céntrico Paseo da Corredoira tudense. Ao acto de apertura desta exposición asistirán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, membros da Corporación Municipal, representación da Deputación Provincial e de Turismo “Rías Baixas”, xunto á presidenta da Sociedad Española de la Camelia ,SEC, Carmen Salinero, así como membros de Amigos Tudenses de la Camelia, ATUCA, colaboradora neste evento.
Diversos tótems con fotografías e información, e unha caseta de información central integran a mostra xunto a varias macetas, de gran formato, con árbores de camelias naturais de distintas variedades. Os tótems ou cubículos colocados no Paseo da Corredoira recompilan información sobre unha flor moi presente en Galicia pero “pouco valorada”, tal e como se sinala desde a Sociedad Española da Camelia.
Completa esta mostra itinerante as fotografías de figuras galegas ilustres xunto coa peculiar flor encabezan os textos, facendo o paseo visualmente atractivo. Ao longo do itinerario, poderanse atopar as imaxes de José María Fonseca Moretón, Xabier Fortes, Elena Ferro, Rita Vidal Mouriño, Susi Acuña, Iñaki Bretal, Manuel Doval, Judith Rodríguez ou Michel Touriño.
A mostra está organizada pola Sociedad Española da Camelia, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a International Camellia Society e baixo a produción de Grupo Norte Eventos. Esta exposición está presente en Tui grazas á iniciativa da asociación Amigos Tudenses da Camelia, ATUCA, e o Concello de Tui.
Esta exposición “A camelia, a flor das galegas e galegos” estará presente no Paseo da Corredoira tudense ata o 27 de novembro.