Ballet Imperial Ruso

O Ballet Imperial Ruso está de xira para presentar a Gran Gala Tchaikovsky, un espectáculo para gozar das obras máis famosas do gran compositor P. Tchaikovsky, que se completará cunha versión de Bolero. Nas súas actuacións nos espazos da Obra Social de ABANCA, que terán lugar o mércores 19 de xaneiro no Auditorio Afundación de Pontevedra, e o xoves 20 de xaneiro, no Teatro Afundación de Vigo, contarán coa participación dos alumnos da Escola de danza Deborah e do Conservatorio de danza Coppelia, respectivamente. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.

O Ballet Imperial Ruso é recoñecido internacionalmente pola súa calidade desde a súa creación en Moscova pola bailarina Maya Plisetskaya e dirixida pola estrela do Teatro Bolshoi Gediminas Tarandá. Cun elenco que reúne bailaríns do máximo nivel artístico, a compañía foi gañando un prestixio crecente no mundo enteiro nas súas numerosas xiras por Australia, China, Xapón, Finlandia, Brasil, Alemaña…

A Gran Gala Tchaikovsky reúne os fragmentos máis destacados de obras universais do Ballet Clásico: o acto branco do Lago dos cisnes, a festa máxica do Crebanoces e a voda da princesa Aurora de A bela durminte. É unha oportunidade única e unha forma ideal de introducir os máis pequenos na beleza da danza. Bolero, de Ravel, é a obra máis espectacular e máis solicitada en todo o mundo do repertorio do Ballet Imperial Ruso.

Esta actividade está incluída no programa solidario de Afundación «Cultura por alimentos», mediante o cal as persoas que visiten as actividades da Obra Social de ABANCA poden doar alimentos non perecedoiros a xeito de entrada solidaria nos colectores habilitados ao efecto. Esta iniciativa solidaria desenvólvese en cooperación con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e grazas a ela colabórase cos bancos de alimentos locais no labor que desenvolven.