'As miradas de Isaac'
Últimos días para visitar a exposición 'As miradas de Isaac' na Sede Afundación da Coruña. Trátase dun proxecto expositivo organizado pola Xunta de Galicia en colaboración con Afundación, a Obra Social de ABANCA, co que se procura difundir a figura de Díaz Pardo e que se poderá visitar ata o vindeiro 28 de agosto, de luns a sábado (festivos incluídos) de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30 h. Tras a súa clausura, a colaboración entre a Xunta e Afundación permitirá que o programa de itinerancias de «As miradas de Isaac» continúe en Vigo despois do verán.
«As miradas de Isaac» é a primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e co obxecto de pór en valor o legado e as achegas á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.
DEZ SECCIÓNS, 500 PEZAS E UNHA VIDEOCREACIÓN
'As miradas de Isaac' conta na Coruña con máis de 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais coa pretensión de reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo, un personaxe imprescindible da cultura galega do século pasado.
A mostra mantén a estrutura en dez seccións, a través das que afonda en todo o seu periplo vital e profesional. Así na exposición na Coruña queda reflectida a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade en Compostela; e a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións.
Do mesmo xeito, a mostra tamén se centra no contacto de Díaz Pardo co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; as iniciativas empresariais, con Sargadelos como insignia; e as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Laboratorio de Formas ou o Instituto Galego de Información. O relato expositivo non esquece o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente enxalza o recuperador –con Luís Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.
A exposición na Coruña tamén incorpora como elemento vertebrador a videoinstalación realizada pola neta de Isaac Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz. Esta peza audiovisual, realizada en colaboración co realizador Jordi Cussó, está creada a partir de materiais de arquivo, na que se propón un encontro co intelectual e artista, sendo el mesmo quen nos relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, máis acorde coa súa propia visión vangardista, e coa que se procura revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.