Arte exipcio do British Museum

A exposición ‘Faraón. Rei de Exipto’ chega a Galicia da man da Fundación ”la Caixa”, con 140 pezas do museo británico que afondan nesta civilización milenaria.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a exposición Faraón. Rei de Exipto, composta por 140 pezas das coleccións do British Museum, un dos máis prestixiosos e visitados museos do mundo. A mostra, desenvolvida polo propio museo británico, chega a Galicia froito da colaboración entre a Fundación ”la Caixa” e a Xunta de Galicia e no marco do Xacobeo 2021, e explora o simbolismo e o ideario da monarquía exipcia, á vez que tenta desvelar as historias que se ocultan detrás dos obxectos e das imaxes que deixou como herdanza esta antiga civilización.

A inauguración da mostra, que poderá visitarse no andar 2 do Museo Gaiás ata o 15 de agosto, contou tamén coa participación do director corporativo de Cultura e Ciencia da Fundación ”la Caixa”, Ignasi Miró; da directora de CaixaBank Galicia, Marta Albela; e da comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira. No acto, o titular de Cultura do Goberno galego destacou o “privilexio que supón poder acoller unha exposición que achegará a todos os galegos e galegas pezas únicas que nos permiten mergullarnos no legado de máis de 3.000 anos dunha cultura realmente avanzada en áreas do coñecemento como as matemáticas, a astronomía ou as artes”.

Román Rodríguez salientou que para o Museo Centro Gaiás, con menos dunha década de vida, é “un enorme recoñecemento profesional colaborar cunha institución como o British Museum, unha verdadeira referencia para todos os organismos que traballamos na preservación e divulgación do patrimonio”. O conselleiro incidiu ademais no “respaldo que supón a confianza do Museo Británico para a xestión e exhibición destas extraordinarias pezas, máis aínda tendo en conta as dificultades que rodean nas circunstancias actuais proxectos coma este, cunha dimensión internacional”.

O responsable de Cultura da Xunta de Galicia agradeceu tamén á Fundación ”la Caixa”, a súa “implicación no desenvolvemento de actividades culturais na nosa Comunidade –especialmente na programación do Xacobeo 2021– con citas tan destacadas como esta mostra ou a que anteriormente acolleu xa a Cidade da Cultura, Cinema e emocións, que en 2020 congregou, pese ás difíciles circunstancias da covid-19, a máis de 21.000 visitantes”. Neste sentido, o conselleiro destacou que Faraón. Rei de Exipto se enmarca precisamente no amplo programa cultural desenvolvido pola Xunta con motivo deste Ano Santo, “reflectindo a vontade universal do Xacobeo de abrirse, coñecer e tender pontes con outras culturas”.

O director corporativo da Área de Cultura e Ciencia da Fundación ”la Caixa”, Ignasi Miró, festexou que “a alianza estratéxica que manteñen a entidade e o British Museum permita levar aos visitantes galegos esta fascinante exposición”. Faraón. Rei de Exipto foi precisamente a primeira exposición froito deste acordo, renovado ata 2024 co museo británico, chegando despois outras mostras sobre a arte e cultura medievais, a idea de competición na antiga Grecia, o luxo na Antigüidade e unha revisión do soño americano a través da eclosión do gravado desde a arte pop ata a actualidade. “Celebramos que agora os visitantes galegos poidan descubrir a historia agochada tras os faraóns de Exipto nesta exposición, froito da nosa alianza co British Museum e do noso acordo de colaboración coa Xunta de Galicia para este Xacobeo 2021”, engade.

A exposición, que puido verse en distintas cidades da xeografía española, chega a Galicia tras ser clausurada o pasado mes de febreiro en Tarragona. Está comisariada por Marie Vandenbeusch –comisaria no Departamento do Antigo Exipto e Sudán do British Museum, onde se encarga do desenvolvemento de exposicións itinerantes e traballa na investigación das prácticas funerarias e máxicas do antigo Exipto– contando como comisario adxunto con Neal Spencer –antigo conservador do mesmo departamento do British Museum e actualmente subdirector de Coleccións e Investigación no Museo Fitzwilliam de Cambridge–.

A comisaria da mostra, que non puido estar presente na inauguración por mor das restricións á mobilidade da covid-19, quixo con todo facer chegar aos presentes o seu agradecemento por esta colaboración “que fai posible amosar estes obxectos en Galicia por vez primeira e dar a coñecer os desafíos e realidades dos faraóns do Antigo Exipto”.

CARA HUMANA DOS DEUSES


Faraón. Rei de Exipto permitirá ao público viaxar tres milenios atrás na historia do Val do Nilo, a través das estatuas e os monumentos cos que os faraóns construían con esmero as súas identidades e proxectaban unha imaxe idealizada de si mesmos, ben como guerreiros poderosos, protectores de Exipto contra os seus inimigos, ben como intermediarios entre os deuses e a humanidade. Pero máis alá desta imaxe, a mostra permite afondar nunha realidade máis complexa, na que os gobernantes desta terra non foron sempre homes –a famosa raíña Hatshepsut, por exemplo, rexeu os destinos de Exipto como faraón entre c. 1472 e 1458 a. C.– nin tampouco foron sempre exipcios, xa que en épocas de inestabilidade política e guerra civil, Exipto foi conquistado por potencias estranxeiras, e gobernado polos seus monarcas.

Dividida en nove ámbitos, examina a figura do monarca exipcio desde todos os puntos de vista: como ser divino, na súa vida de palacio e familiar, como gobernante, ou como guerreiro. Os obxectos expostos reflicten a diversidade consubstancial á monarquía exipcia e xunto a estatuas, belos relevos en pedra de antigos templos e ourivería, a exposición tamén presenta obxectos menos habituais, como as incrustacións de cores empregadas para decorar o pazo dun faraón, o arco de madeira dun dos comandantes militares do faraón, ou as imaxes de gobernantes persas, gregos e romanos que actuaron como faraóns.

Supón, en definitiva, unha oportunidade para coñecer a fascinante historia que rodea esta aínda enigmática civilización e permite ver por vez primeira en Galicia numerosas pezas da extraordinaria colección de arte exipcio do British Museum.

PROGRAMA DIDÁCTICO

Faraón. Rei de Exipto contará cun programa de visitas comentadas de balde, destinadas a todos os públicos, que enriquecerán a experiencia das persoas visitantes, permitíndolles afondar na historia e relato da mostra. Ademais, o Museo Centro Gaiás continuará a ampliar a oferta do seu programa de visitas didácticas para os centros de ensino a través de videoconferencia. Só en 2020, ano no que se iniciou esta experiencia pioneira en Galicia, estas visitas en liña chegaron a máis de 3.000 escolares de 51 centros educativos, cifra que continuará a medrar en 2021 coas visitas a As miradas de Isaac, Os brancos segredos do seu ventre e Faraón. Rei de Exipto, as tres exposicións coas que conta actualmente o Museo Centro Gaiás. Precisamente, 2021 será o ano de maior actividade expositiva no Gaiás desde a súa apertura, con máis dunha vintena de mostras e intervencións artísticas que, ademais de verse na Cidade da cultura, itinerarán por Galicia.

Faraón. Rei de Exipto pode verse a partir de mañá sábado, con entrada de balde, no segundo andar do Museo Centro Gaiás, onde estará aberta de martes a domingo ata o 15 de agosto. As visitas comentadas á mostra, tamén gratuítas, precisan de inscrición previa na páxina web www.cidadedacultura.gal. Ademais, contará cun programa de actividades arredor da exposición, que se dará a coñecer nas vindeiras semanas.