'Aquela nena de Sarria'

Xela Arias Castaño (Sarria, Lugo 1962 - Vigo, Pontevedra 2003) foi unha escritora, poeta e tradutora española en varios idiomas, editora e profesora de galego vinculada á editorial Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe á tarde na apertura dos actos conmemorativos das Letras Galegas 2021, dedicados a Xela Arias Castaño, con motivo do 59º aniversario do nacemento da poeta sarriá.

Con motivo da apertura oficial dos actos conmemorativos das Letras Galegas 2021, a Casa da Cultura sarriá acolleu a inauguración da exposición Aquela nena de Sarria, promovida por Galicia Dixital e o Colectivo Egeria co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Concello de Sarria e da Real Academia Galega.

“Celebramos unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea, poeta singular, transgresora e guía de toda unha xeración poética renovadora da poesía galega en temas, estilo e forma”, destacou o secretario xeral na súa intervención. “Unha das mulleres máis innovadoras da cultura galega que sempre tivo a lingua galega como ferramenta de expresión e transformación da palabra poética e que sempre a dignificou desde as diferentes facetas que configuraron tanto o seu labor profesional, como tradutora e docente, como persoal”, concluíu.

Os actos contaron con recitado de poemas de Xela Arias a cargo das poetas Sonia Arias e Elena López, seguidos dunha interpretación musical a cargo de Eloi Caldeiro. Neles tamén participaron a nai e o fillo da homenaxeada, Amparo Castaño e Darío Gil, e distintos representantes das institucións participantes.

PRIMEIRA DAS MOSTRAS

Aquela nena de Sarria, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co idioma galego e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase con poemas dirixidos a Xela por alumnos e alumnas dos institutos sarriáns Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, así como de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou e ata un conxunto de Vilariñas, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu ano.

Dispoñible tamén desde o Portal da Lingua Galega, inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo. Poderá visitarse en Sarria ata o 15 de marzo e percorrerá despois os centros educativos do concello lugués.