Amparo Tellado, a piques de cumprir os 94 anos, será a encargada de dirixir o pregón Festas do Cristo
As Festas do Cristo regresan este ano ao Porriño con máis dun cento de actividades para todos os públicos e gustos. Propostas deportivas, espectáculos, animación de rúa, monólogos, verbenas, concertos e moitas sorpresas conforman a programación que xa deu comezo esta fin de semana e que se prolongará ata o domingo 1 de outubro coa tradicional cita gastronómica dos callos, que este ano chega á súa trixésimo edición.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura e Festexos, Bienvenido Estévez, presentaron hoxe o cartel das festas acompañados por unha representación da hostalería porriñesa e polos pregoeiros deste ano: o elenco de Teatro Fontevella.
“As nosas festas son unha seña de identidade, cultura e tradición e ninguén mellor que os actores e actrices de Fontevella para representar estes valores”, apuntou o alcalde, “Para O Porriño será unha verdadeira honra velos no balcón da Concello dando o pistoletazo de saída aos nosos días grandes”.
O rexedor quixo facer unha mención especial a Amparo Tellado, que a piques de cumprir os 94 anos será a encargada de dirixir o pregón. “Amparo é a actriz galega de maior idade e ten un talento que non deixa a ninguén indiferente”, engadiu Lorenzo, “Estou seguro que co seu pregón nos cautivará a todos como o fai cada vez que se sube ao escenario”.
Xunto a Amparo, estarán os seus compañeiros e compañeiras da compañía: Adriano, Balbina, Susana, José, Enrique, Daniel, Lola, Valentina, Andrés e Chelo Pampillón, a directora do grupo.
“É para nós unha honra ser os pregoeiros das Festas do Cristo”, manifestou Pampillón, “A ver se o balcón do Concello aguanta, porque ese día ten que soster os máis de 500 anos que sumamos de recordos, historia e moitas Festas do Cristo vividas”.
Cabe destacar que o pregón, á vez que recoñece a traxectoria deste grupo, será tamén unha celebración do aniversario xa que foi nas Festas do Cristo, hai xa 28 anos, cando subiron por primeira vez a un escenario con Castelao e a obra “Os vellos non deben namorarse”.
30 días de festexando O Porriño
A programación arrancou xa na Vila do Louro e estenderase durante todo o mes de setembro. Como cada ano, a música e o deporte terán un papel protagonista, ao igual que as actividades infantís.
Panorama , El Combo Dominicano, Grupo América, Girls Gang, Os CoriBantes e moitos máis poñerán a banda sonora a estas festas, sen esquecernos do Louro Valley Festival, cuxo cartel será presentado nos vindeiros días, o Negrita Music Festival, que traerá ao Porriño a Melendi, Rels B e Cali & el Dandee, entre outros, e o Montando Cristo Festival, que reunirá a Buxa, Hard Trip Castro e Los Escoltas/ The Brooke.
Regresa tamén outro dos clásicos, o certame musical Tes Talento, e tamén o fai a Batalla de Galos. O deporte, da man dos clubs deportivos do municipio, xogará de novo un papel fundamental nestas festas.
O broche final, como cada ano, o poñerá a Festa dos Callos que chega xa á súa 30 edición e o fará por todo o alto.
“Agardo que estas Festas do Cristo sexan do agrado dos vecinos e veciñas e de todas aquelas persoas que queiran visitarnos”, concluíu o rexedor que quixo trasladar o seu “agradecemento á hostalería e comercio local, asociacións e clubs deportivos do Porriño que nos axudan a dar forma a estes días para todos podamos disfrútalos xuntos e seguir facendo do noso pobo un lugar de referencia”.