AMNESIA 3.0, a primeira webserie interactiva en galego, confirma segunda temporada

Despois da estrea no festival de contidos dixitais Carballo Interplay en novembro de 2020, a webserie interactiva Amnesia 3.0 continúa a súa andaina. Nomeada a pasada semana como finalista aos premios Mestre Mateo na categoría de serie web, este Black Mirror á galega traballa xa na súa segunda temporada.

Nesta nova entrega do distópico mundo que esqueceu, uniranse ás intérpretes da primeira, entre as que se atopaban caras coñecidas do panorama galego como Monti Castiñeiras, Isabel Naveira ou Sabela Arán, outras faces como Lidia Veiga, Melania Cruz ou Mabel Rivera.

Ademais, en maio Amnesia 3.0 terá por fin unha estrea pesencial, que as condicións sanitarias non permitiron no marco do Interplay. Será no cinema Numax de Santiago de Compostela, nunha presentación que contará ao remate cun coloquio co equipo.

Amnesia 3.0 constitúe un fito dentro da ficción dixital galega, pois a persoa espectadora debe escoller por que itinerario se achega á historia, naqueles puntos onde as personaxes se cruzan. Unha aposta interactiva sen precedentes que nace dunha teima por atreverse a romper cos límites impostos e expande o panorama das webseries a un xénero pouco explorado como é o da ciencia ficción.

Esta miniserie de tres capítulos está escrita e dirixida por Irene Pin. Iria Iglesias é a reponsábel da interactividade e encárgase, xunto a Rocio López, da posprodución. Cristela Torres e Natalia Porca son as produtoras da ficción.

Cando o mundo esqueceu

265-C érguese cada mañá para seguir o plan de actividades que marca a súa axenda, como calquera de nós. Só que ela non lembra o día de onte. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo cada noite, así as persoas poden desenvolver as súas funcións dentro do sistema na engrenaxe perfecta, sen pensar nin preguntarse.

Porén, hai quen sobrevive na marxe. Son excluídxs, habitantes das Estremas. Nómades ancoradxs á tradición que foxen dese control e atesouran os vestixios dun pasado sepultado. Fiz e Lía farán estourar a normalidade ao entrar na vida de 265-C, tratando mediante unha tecnoloxía arcaica de reverter o seu bloqueo e facerlle recordar. Ao tempo, as súas accións son perseguidas por un anónimo inspector do Departamento de Seguridade Global.

Máis alá do lineal

Amnesia 3.0 é unha proposta para abandonar os límites do relato convencional. Partindo de tres puntos de vista diferentes, o público pode seguir a historia desde un ou outro roteiro. As túas decisións non mudan a historia, pero si como a percibes.

Nos momentos en que as personaxes se cruzan, terás a oportunidade de seguir a unha ou outra. Segundo o que escollas, hai cousas que verás ou non, intencións ou accións que se cadra percibes doutro xeito. Porque como na vida, non todo está tan claro. O importante non é tanto o que che contan, senón como cho contan. E, sobre todo, quen.

Elenco

A primeira temporada está protagonizada por Daniel Celester, Sara Ferro, Vanessa Dorrei, Monti Castiñeiras e Duarte Galbán, coa participación especial de Isabel Naveira e Sabela Arán.