After the Whale del premio nacional de fotografía Manuel Vilariño

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades inaugura a exposición do Premio Nacional de Fotografía ‘After the Whale’, que poderá visitarse ata novembro.
Comisariada polo crítico de arte Fernando Castro, a mostra componse de fotografías de gran formato, vídeos e instalacións que suman 51 pezas “nas que están presentes as temáticas que caracterizan a obra de Manuel Vilariño, como a natureza, a relación entre a vida e a morte ou o misticismo”, apuntou o conselleiro. Delas salientou o esqueleto de balea pendurado do teito que, ademais de simbolizar os tres temas sinalados, “lle dá nome á exposición e fai referencia a unha das obras cumio da literatura universal, Moby Dick en representación da caza sen fin do artista que pode levar ao naufraxio.

O conselleiro de Educación, Cultura, FP e Universidades, Román Rodríguez, convida a cidadanía a afondar na obra do Premio Nacional de Fotografía Manuel Vilariño a través da mostra After the Whale. Un diálogo co museo, inaugurada hoxe no Museo de Belas Artes da Coruña nun acto que contou coa participación do artista. A exposición, coa que o espazo museístico abre a programación conmemorativa do seu centenario, busca establecer unha relación entre as obras da colección permanente do museo e distintas creacións de Vilariño.

Comisariada polo crítico de arte Fernando Castro, a mostra componse de fotografías de gran formato, vídeos e instalacións que suman 51 pezas “nas que están presentes as temáticas que caracterizan a obra de Manuel Vilariño, como a natureza, a relación entre a vida e a morte ou o misticismo”, apuntou o conselleiro. Delas salientou o esqueleto de balea pendurado do teito que, ademais de simbolizar os tres temas sinalados, “lle dá nome á exposición e fai referencia a unha das obras cumio da literatura universal, Moby Dick en representación da caza sen fin do artista que pode levar ao naufraxio.

Outra das pezas destacadas por Román Rodríguez é Paraíso fragmentado, “composición considerada unha das obras mestras de Vilariño, que foi presentada na Bienal de Venecia en 2007 e forma parte desde 2016 da colección do Museo de Belas Artes”. Na súa intervención, o titular de Cultura aproveitou para agradecerlle ao artista este depósito “que supuxo un grande impulso e un plus de prestixio para a sección de fotografía de Belas Artes”.

   OS XÉNEROS

No percorrido pola exposición pódese comprobar como se incorporaron o medio cento de pezas ás diferentes salas de museo para crear un diálogo creativo coa colección permanente e cos xéneros artísticos como elemento integrador. Está aberta para visita ata novembro e completarase coa publicación dun catálogo e actividades didácticas e divulgativas para achegarlle o traballo de Manuel Vilariño ao público.

Nacido na Coruña en 1952, Manuel Vilariño é un artista visual e poeta iniciado na fotografía nos anos 70 do pasado século. A súa proposta artística caracterízase pola integración do mundo oriental co barroco español para expresar a inquietude que produce o paso do tempo no ser humano. Obtivo o Premio Nacional de Fotografía en 2007 e nese mesmo ano participou no pavillón español na Bienal de Venecia coa peza Paraíso fragmentado, que forma parte da colección do Museo de Belas Artes. Entre as súas exposicións máis recentes cómpre sinalar a de 2013 na Tabacalera de Madrid e a antolóxica do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en 2015.

ACCIÓNS

A exposición After the Whale marca o inicio da programación conmemorativa do centenario do Museo de Belas Artes. Neste contexto, xa no segundo semestre do ano está previsto inaugurar a sala renovada de gravados de Goya, dos que Belas Artes posúe a colección íntegra e está exposta de xeito permanente, o que acontece en poucos museos. Tamén presentará a nova guía do centro elaborada polo seu persoal a partir da investigación e a análise documental das coleccións, organizadas a partir do seu propio discurso museolóxico. Haberá, ademais, outras accións divulgativas e de lecer, como visitas guiadas e un concerto.

Como broche, xa a finais de ano, realizarase unha recreación arquitectónica e musealización virtual da Torre de La Parada e da súa colección pictórica. Así, reconstruirase de xeito virtual o desaparecido Real sitio e residencia de recreo desde Felipe II, situado nas aforas de Madrid e destruído no século XVIII, coas réplicas das obras pictóricas que decoraban as súas paredes. Trátase dunha actuación de gran simbolismo para o museo, xa que alberga dúas obras orixinais do pintor flamenco Rubens que formaron parte da doazón xerme da fundación do museo en 1922.