'Adolescentes: familias confundidas'

Manuel Isorna Folgar é doutor en Psicoloxía e profesor da Universidade de Vigo.
Cada vez máis nais, pais e educadores séntese incapaces de afrontar os novos desafíos que supón educar as fillas e fillos. O uso do móbil, Internet, os videoxogos, WhatsApp e as redes sociais, o consumo intensivo de alcohol e a aparición de novas drogas supoñen un escenario verdadeiramente incerto e complicado que require dunha fonda reflexión como sociedade. 

A Sede Afundación da Coruña acollerá o 27 de abril ás 19.00 h, a conferencia de Manuel Isorna Folgar, «Adolescentes: familias confundidas» no marco do ciclo «Educación século XXI». O formulario de inscrición está aquí.

Cada vez máis nais, pais e educadores séntese incapaces de afrontar os novos desafíos que supón educar as fillas e fillos. O uso do móbil, Internet, os videoxogos, WhatsApp e as redes sociais, o consumo intensivo de alcohol e a aparición de novas drogas supoñen un escenario verdadeiramente incerto e complicado que require dunha fonda reflexión como sociedade. Decote, xorde a pregunta de que teñen na cabeza as e os adolescentes cando incorren en diferentes prácticas de risco, mais non menos importante é preguntarse en que están a fallar familias, Administración e institucións. Un experto no eido da prevención de drogodependencias e condutas aditivas e da investigación social comparte en voz alta as súas reflexións nun intento de encontrar algunhas das claves para entender e previr.

Este evento enmárcase no programa «Cultura por alimentos», promovido por Afundación e destinado a vincular a participación en actividades culturais coa solidariedade. Así, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia, invita todas as persoas que asistan ao evento a que colaboren con esta campaña solidaria acudindo cunha doazón de alimentos non perecedoiros que serán recollidos no propio centro.

ISORNA

É doutor en Psicoloxía e profesor da Universidade de Vigo. Desenvolveu o seu labor profesional como responsable de prevención de drogodependencias do Concello de Catoira durante 25 anos, polo que recibiu en 2012 o Premio Raíña Sofía e en 2013 o premio da FEMP polas Boas prácticas en drogodependencias. É autor de numerosos libros e artigos científicos vinculados ao ámbito da educación, os adolescentes e o consumo de drogas. Exerce como presidente do comité organizador do Congreso Internacional sobre Cannabis e os seus Derivados: Saúde, Educación e Lei. É profesor da academia galega de seguridade pública, na cal se forman as forzas de seguridade do Estado en temas de drogodependencias e condutas aditivas.

'EDUCACIÓN SÉCULO XXI'

A necesidade de consolidar un marco de educación asentado en valores éticos e de comprensión e apoio recíproco de toda a comunidade educativa é un dos principios que se seguen nas actividades didácticas desenvolvidas en Afundación. «Educación século XXI» de Afundación, a Obra Social de ABANCA, é un programa no que se quere destacar a importancia dunha educación asentada en valores no que docentes, nenas e nenos e as súas familias poidan coñecer técnicas, mecanismos e estratexias que favorezan a convivencia no contorno escolar para a consolidación dunha sociedade cohesiva e solidaria na que a igualdade e o respecto sexan os alicerces das relacións interpersoais.

Os contidos están accesibles tamén en diferido e difúndense a través das RRSS da Obra Social de ABANCA, co obxectivo de que estean ao alcance de toda a poboación, provéndoa, así, de ferramentas que contribúan a mellorar a nosa sociedade no seu conxunto.