O académico José Rivas Rey, catedrático da Universidade de Santiago, ofrecerá unha lección maxistral sobre nanotecnoloxía

José Rivas. ©SANTI ALVITE.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará este mércores, 31 de xaneiro, a apertura do seu curso académico 2024. O acto terá lugar no Pazo de San Roque, en Santiago, a partir das 19.00 horas.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 31 de xaneiro, a apertura do seu curso académico 2024. O acto terá lugar no Pazo de San Roque, en Santiago, a partir das 19.00 horas.

Asistirán o presidente da RAGC, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da Academia, outras académicas e académicos e diversas autoridades como o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a directora da Axencia Galega de Innovación       -Gain-, Patricia Argerey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a primeira tenente de alcaldesa, María Rozas; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outros representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.

Lección maxistral de José Rivas sobre nanotecnoloxía

No transcurso do evento, o académico numerario da Sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da RAGC José Rivas Rey (A Pontenova-Lugo, 1947) impartirá unha lección maxistral baixo o título “Nanotecnoloxía: o mundo máis aló dos límites microscópicos”. Rivas é doutor en Ciencias Físicas. Despois de realizar unha estancia de investigación no Instituto Max Planck de Alemaña, exerceu como profesor nas universidades de Valladolid, Burgos e Murcia, ata que no ano 1982 logrou a cátedra de Electromagnetismo na Universidade de Santiago de Compostela, onde comezou unha nova etapa relacionada coa nanotecnoloxía e o desenvolvemento de nanomateriais de interese tecnolóxico.

En 1986 foi o responsable da organización na USC da conferencia na que Gerd Binnig e Heinrich Rohrer, do laboratorio de investigación de IBM de Zúric, presentaron a nivel internacional o seu instrumento para tomar imaxes de superficies a nivel atómico e polo que, uns meses despois, recibiron o Premio Nobel de Física. Considérase que este evento supuxo o arranque da nanotecnoloxía como unha disciplina de grande impacto social e económico, pasando a ser unha área preferente de investigación dos países e laboratorios máis vangardistas.

Como resultado das súas colaboracións con outros investigadores da USC creouse o Instituto de Investigacións Tecnolóxicas e o grupo de investigación NanoMag de magnetismo e nanotecnoloxía, no que teñen desenvolto varios métodos para a preparación de nanomateriais, patentados nos Estados Unidos, Asia e Europa.

José Rivas foi un dos responsables da posta en marcha do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, organismo internacional con sede en Braga impulsado por España e Portugal para a investigación da nanociencia e a nanotecnoloxía. É membro científico cofundador da Red Española de Nanotecnología e do Club Español de Magnetismo, que presidiu entre 2009 e 2011. Ademais, foi decano da Facultade de Física da USC e director do seu Departamento de Física Aplicada. Ao longo da súa traxectoria publicou máis de 400 artigos en revistas científicas internacionais de prestixio.