'Abrimos portas?'
Mañá mércores, 7 de setembro, ás 20 h inaugurase na Sala de Exposicións Municipal a mostra de plumiñas e acuarelas da artista tudense Rosa María Vila “Abrimos Portas?”. Na mesma recolle unha escolma de vinte cinco portas emblemáticas das cidades de Tui e Valença, dezanove e seis respectivamente.
Rosa María Vila plasma nas súas obras estas portas e realiza unha interpretación das mesmas en base ao seu debuxo e cor, así a través das técnicas artísticas estas portas, algunhas xa centenarias, adquiren unha nova dimensión que reflicte o seu valor artístico e patrimonial.
Rosa María Vila Iglesias é un artista tudense autodidacta que leva dende 1998 desenvolvendo a súa produción artística. “Os meus primeiros traballos –comenta a propia artista- están ligados ao debuxo a lapis e ao debuxo a plumiña, plasmando os recunchos por onde discorre a miña vida diaria, debuxando sempre de forma realista. Co paso do tempo ás miñas inquedanzas lévanme a explorar outras técnicas como é o óleo, a acuarela, o pastel, o acrílico... debuxo e pinto tentando captar todo o realismo, case sempre interpretado”.
Para a concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, esta exposición de Rosa María Vila recolle e contribúe a que nos decatemos dunha parte do noso importante patrimonio moble que tantas veces temos ao noso lado e pasa inadvertido para todos. Neste caso falamos de portas, portas de madeira realizadas por carpinteiros e ebanistas tudenses, que desde a súa aparente modestia enriquecen o noso patrimonio. A visión artística de Rosa María Vila que interpreta estas portas permite unha mellor visión e contemplación das mesmas.
A exposición estará aberta na Sala Municipal de Exposicións, no Edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica) ata o 8 de outubro, en horario de 9 a 14 h e de 16 a 21 h de luns a venres e de 9 a 13 h os sábados.