A Xunta e Vegalsa-Eroski celebran as Letras Galegas cunha campaña para homenaxear a Xela Arias
A Xunta de Galicia, representada na súa delegada territorial, Marta Fernández-Tapias Núñez, e no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, abriu hoxe pola tarde no Eroski Center de García Barbón, en Vigo, a campaña conmemorativa das Letras Galegas impulsada por Vegalsa-Eroski e apoiada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021.
Os representantes do Goberno galego felicitaron aos responsables da cadea galega de distribución alimentaria “pola importancia de facer extensiva a homenaxe das Letras Galegas ao sector comercial e socioeconómico, un dos máis relevantes na promoción social do idioma, desde onde a figura da autora chegará aos fogares dos galegos e das galegas coa bolsa da compra”. Ambos lembraron que Vigo, cidade de referencia de Xela Arias, é este ano epicentro da festa da lingua galega e acolle boa parte das iniciativas culturais e sociais incluídas na ampla programación do Goberno galego.
Participaron canda eles na presentación e apertura de campaña con pegada simbólica de carteis Darío Gil e Amparo Castaño, fillo e nai de Xela Arias, respectivamente; o fotógrafo e compañeiro da homenaxeada, Xulio Gil; o vicesecretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o director da liña de negocio Eroski e Eroski Center, Florentino Vázquez, e a directora de Relacións Institucionais, RSE e Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González.
CARTÉIS E BOLSAS
Unha tirada de 500 exemplares da lámina titulada Poeta, das dez que integran a mostra Xela Arias e as palabras, proxecto co que o colexio CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro de Redondela (Pontevedra) se fixo co premio do Concurso-Exposición escolar Letras Galegas 2021 na modalidade de Infantil e primaria; 20.000 bolsas de papel que se distribuíran nas localidades de Sarria e Vigo e 1,3 millóns de bolsas de plástico biodegradable reempregable que se distribuirán no resto de Galicia contribuirán a visibilizar a celebración das Letras Galegas desde a cesta da compra dos establecementos Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski da rede comercial de establecementos propios de Galicia.
Trátase dunha acción que Vegalsa-Eroski engloba no seu compromiso cos atributos propios de Galicia, que teñen no idioma propio un dos seus máximos expoñentes, e que conta un ano máis coa colaboración da Xunta.
PARDO BAZÁN
Posteriormente, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado da delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou a Biblioteca Pública Juan Compañel con motivo das actividades que está desenvolvendo para conmemorar o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán.
Anxo M. Lorenzo abriu a charla-coloquio sobre o naturismo na obra Os Pazos de Ulloa, impartida pola filóloga Natalia Fernández Castro, que é a coordinadora dos club de lectura da biblioteca. Así mesmo visitou a sala infantil, que acollía un ciclo de contacontos ilustrado baixo a coordinación do colectivo Polo Correo do Vento, dirixido aos máis cativos. Por outra parte, ata mañá tamén se pode visitar nesta biblioteca a mostra dunha escolma de artigos sobre Emilia Pardo Bazán, onde se reflicten os principais escenarios e aspectos morfolóxicos da cidade de Vigo.
Estas iniciativas da Juan Compañel forman parte da trintena de actividades de divulgación e difusión en torno á figura da escritora coruñesa que se están levando a cabo nos arquivos e na rede de bibliotecas públicas de Galicia, e que completan a ampla programación institucional (con exposicións, congresos internacionais e actividades de formación e divulgación) posta en marcha en Galicia para conmemorar esta efeméride.