A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa a partir de setembro 10 funcións na comarca viguesa

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ten xa preparada a súa carteleira de espectáculos para o segundo semestre do curso na comarca viguesa con 10 funcións programadas a partir de setembro en Vigo, Gondomar e Cangas.

Estes concellos da área territorial de Vigo completan a ampla oferta galega que desde o 15 de xullo levará 209 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia a 36 municipios de toda Galicia. Deste xeito e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, serán máis de 500 as funcións desenvolvidas durante 2021 no seo deste circuíto cultural cofinanciado pola Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas, para o que se conta cun orzamento global superior aos 1,6 millóns de euros.

Así, no caso da comarca vigueses a programación arrancará o 24 e 25 de setembro en Vigo, na rúa do Príncipe, co espectáculo A gran viaxe de Inventi Teatro ás 19 horas. O 9 de outubro será a quenda de A lingua das Bolboretas de Sarabela Teatro no Auditorio Lois Tobío de Gondomar ás 20,30 horas, e o día 16 O mozo da última fila de Redrum Teatro recalará no Auditorio Municipal de Cangas ás 20,00 horas.

O mes de novembro se estrea no Auditorio Lois Tobío de Gondomar o día 6 con Soga e Cinsa de Aporía Escénica as 20,30 horas, o mesmo escenario no que actuarán o día 13 ás 20,30 horas cun concerto escenificado Camerata Lírica con La Bohème, o día 20 ás 20,30 horas Marta Alonso Tejada con Bailar agora, e que espera para o 21 a Cartóons de Produccións Teatrais Excéntricas ás 12.30 horas. A obra teatral Anatomía dunha serea de Iría Piñeiro prevista para o 27 de novembro ás 20 horas e Mofa & Befa-Dúas Pedras no Camiño de Produccións Teatrais Excéntricas o 18 de decembro ás 20 horas, ambas no Auditorio Municipal de Cangas, pecharán o cartel.

Este segundo período de programación implicará a contratación de preto de 100 formacións artísticas profesionais de moi diferentes xéneros e estilos no conxunto da Comunidade. Moitas delas chegan a esta carteleira a raíz da súa asistencia á última edición do mercado Galicia Escena PRO, organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega e na que estiveron acreditados, así mesmo, os responsables dos principais de teatros, auditorios, salas e festivais escénicos galegos.

Durante o verán a Rede Galega de Teatros e Auditorios celebrará a meirande parte das súas citas ao aire libre, cunha trintena de funcións programadas ata mediados de setembro. Ademais das actuacións deste circuíto, pioneiro en Galicia no ámbito da exhibición de espectáculos de xeito profesional e coordinado, durante o período estival a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura e da programación especial do Xacobeo 21-22.