A nena e o grilo máis aló, teatro sobre os medos e o valor da amizade para escolares
Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa coa programación de
representacións teatrais para escolares con A nena e o grilo máis aló,
unha proposta de Magín Blanco que fusiona música e teatro en galego. A
representación será mañá xoves 9 de xaneiro no Auditorio do Teatro Afundación
de Vigo con dúas sesións, ás 10.00 e ás 12.00 h.
Case 900 alumnas e alumnos de 19 centros escolares de Vigo e arredores
acudirán a ver esta obra na que a cooperación, a amizade, a tolerancia e a
superación dos medos desempeñan un papel fundamental. Os protagonistas esmagan
sen querer á súa amiga Xertrude A Araña. Buscando unha maneira de devolverlle a
vida, atópanse cuns artistas ambulantes que os guiarán a través da maxia e da
música ao País dos Mortos. Alí tentarán atopar a Xertrude para traela de volta.
EDUCACIÓN EN VALORES
Esta actividade enmárcase dentro do proxecto global de educación en
valores de Afundación. Partindo da importancia da escola como centro de
aprendizaxe, as propostas da Obra Social de ABANCA pretenden complementar o
ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas
actividades que conxuguen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores
esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está
comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa
adquisición por parte de cada estudante das ferramentas necesarias para
perseverar na consecución da súa autonomía persoal.
A propostas da Área Educativa de Afundación, nas que participan anualmente
máis de 136.000 escolares, abarcan múltiples disciplinas e fomentan o
desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe
actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura;
actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de
coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental
para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas
tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha
contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan
os beneficios dunha alimentación saudable.