A fotógrafa Cristina García Rodero ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes
A fotógrafa Cristina García Rodero (Puertollano-Ciudad Real, 1949) ingresou esta mañá na Real Academia Galega de Belas
Artes (RAGBA) como nova académica de honra da institución. O acto, que se
celebrou no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de
Compostela, estivo presidido polo titular da entidade, Manuel Quintana Martelo.
O presidente da Academia salientou que Cristina
García Rodero é académica electa da Real Academia
de Bellas Artes de San Fernando, a primeira fotógrafa de nacionalidade española
integrante da prestixiosa axencia Magnum Photos, Medalla de Ouro ao Mérito nas
Belas Artes, licenciada pola Universidad Complutense de Madrid, cun gran número
de premios nacionais e estranxeiros. Loou ademais “a súa presenza en museos e centros
de arte de todo o mundo, unha longa traxectoria profesional e tantos outros
méritos no seu currículo”.
Quintana
Martelo
referiuse a Cristina García Rodero como “unha muller extraordinaria, unha
fotógrafa de cuxo traballo son admirador desde hai moitos anos, muller dunha
ollada persoal, coa capacidade de poñer a cámara alá onde moitos outros non se
achegan”. Así mesmo, destacou o seu vínculo, tanto persoal como profesional,
con Galicia, a súa paisaxe e a cultura humana. “Tan clásica e profunda, retratou
nas súas xiras galegas feitos que xa son cotiáns e nos que pode percibir,
sempre, a cálida acollida deste terra e da súa xente” -remarcou-.
Desde os comezos da súa
traxectoria como fotógrafa documental, Cristina García Rodero
percorreu as festas de España durante máis de vinte anos, sendo Galicia un dos
lugares onde máis traballou e ao que lle dedicou especial atención,
converténdose así a comunidade galega nun referente na súa obra creativa.
No ano 2010 o CGAC
organizou unha exposición onde se recompilaba toda a súa obra vencellada a
Galicia, en colaboración co Círculo de Bellas Artes de Madrid, editándose o
libro/catálogo Transtempo, con textos
de Manuel Rivas, unha obra de referencia para comprender a súa traxectoria
fotográfica.
O presidente declarou que “Cristina García Rodero pasa
a engrosar a nómina de membros de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes,
todos eles nomes de relevancia nas distintas especialidades no ámbito da
cultura. Énchenos de orgullo e sabemos, de certo, que ela recibiu o noso
nomeamento para pasar a formar parte da historia da nosa institución chea de
ledicia e felicidade”.
Durante o
acto realizouse un percorrido visual pola traxectoria da fotógrafa, a través
das súas instantáneas
No transcurso do acto realizouse un percorrido
visual pola traxectoria da fotógrafa, a través das súas instantáneas, “unha
obra chea dunha intensidade que atrapa, cun poder de impacto tan substancial
que non podemos permanecer impasibles ante a súa contemplación” -sinalou o
presidente da Academia-. Quintana
Martelo indicou que “a súa obra para min é tan profundamente plástica que
me resulta imposible non deixarme absorber polos seus contidos, pola súa
composición, pola súa creatividade, por ese poder, case máxico, que fai que un
se pregunte en cada unha das imaxes como é posible captar ese momento, dando a
impresión que todo elemento que comporta o seu plano fotográfico, que entra
polo seu visor, mesmo parece colocado, disposto e organizado nun manexo do
feito como de igual xeito un director de orquestra dirixe os seus músicos”.
A nova
académica aceptou “la enorme y gratificante responsabilidad de defender las artes gallegas”
A homenaxeda amosouse “muy honrada” pola elección
da Real Academia Galega de Belas Artes e aceptou “la enorme y gratificante
responsabilidad de defender las artes gallegas como académica”.
Cristina
García Rodero foi profesora de fotografía na Universidad Complutense de
Madrid. Foi Premio Planeta de fotografía (1985), primeiro premio World Press
Photo na categoría de Arte (1993), Premio Nacional de Fotografía do Ministerio
de Cultura (1996) e Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes (2005), entre
outros moitos recoñecementos nacionais e internacionais en Francia, Alemaña,
Estados Unidos, Cuba....
A súa obra expúxose en
España no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, en Madrid; Instituto
Valenciano de Arte Modero (IVAM); Museo das Peregrinacións, en Santiago de
Compostela; MUSAC, en León; na Fundación Banesto e no Centro de Arte de
Alcobendas, en Madrid; ademais de en moitos museos de Estados Unidos e doutros
países de Europa e América. No ano 2018 inaugurouse un museo en Puertollano, a
súa vila natal, dedicado á súa obra fotográfica.