A fotógrafa Cristina García Rodero ingresa mañá sábado na Real Academia Galega de Belas Artes
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebra mañá sábado, 14 de decembro,
o acto de ingreso da fotógrafa Cristina García Rodero como Académica de Honra
da institución. Será a partir das 12:30 horas no Centro Galego de Arte
Contepmporánea (CGAC), en Santiago de Compostela.
Trala intervención do presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, e da nova académica, pronunciará o
discurso de contestación Xurxo Lobato,
membro
numerario da Sección de Artes da Imaxe da institución.
A Real Academia Galega
de Belas Artes elixiu a Cristina García Rodero en sesión ordinaria celebrada o pasado
29 de xuño de 2019 “polos seus méritos relevantes, cunha importante obra
vencellada a Galicia”.
Cristina García Rodero,
fotógrafa documental nas festas de Galicia
Cristina García Rodero (Puertollano-Ciudad Real, 1949) é licenciada en
Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid, onde foi profesora de
fotografía. Desde os comezos da súa traxectoria como fotógrafa documental
percorreu as festas de España durante máis de vinte anos, sendo Galicia un dos
lugares onde máis traballou e ao que lle dedicou especial atención,
converténdose así a comunidade galega nun referente na súa obra creativa.
No ano 2010 o CGAC organizou unha exposición onde se recompilaba toda a súa
obra vencellada a Galicia, en colaboración co Círculo de Bellas Artes de
Madrid, editándose o libro/catálogo Transtempo,
con textos de Manuel Rivas, unha obra de referencia para comprender a súa
traxectoria fotográfica.
É membro de número da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e a
primeira persoa de nacionalidade española integrante de Magnun Photos. Foi
Premio Planeta de fotografía (1985), primeiro premio World Press Photo na
categoría de Arte (1993), Premio Nacional de Fotografía do Ministerio de
Cultura (1996) e Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes (2005), entre
outros moitos recoñecementos nacionais e internacionais en Francia, Alemaña,
Estados Unidos, Cuba....
A súa obra expúxose en España no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía,
en Madrid; Instituto Valenciano de Arte Modero (IVAM); Museo das
Peregrinacións, en Santiago de Compostela; MUSAC, en León; na Fundación Banesto
e no Centro de Arte de Alcobendas, en Madrid; ademais de en moitos museos de
Estados Unidos e doutros países de Europa e América. No ano 2018 inaugurouse un
museo en Puertollano, a súa vila natal, dedicado á súa obra fotográfica.