A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra amplía espazo
A Xunta de Galicia vén de contratar o proxecto de mellora e incremento do espazo de almacenaxe e depósito da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra cun investimento de case 50.000€ que permitirá reforzar as condicións de salvagarda, coidado e emprego dos seus fondos documentais e bibliográficos.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, achegouse ata a biblioteca. Acompañado pola directora, Alejandra Mosquera, supervisaron os espazos onde se van instalar estas novas infraestruturas mobles e informaron de que a actuación vai quedar rematada a finais do mes de marzo despois de que se formalizara recentemente a sinatura do contrato.
A actuación consiste na subministración, transporte e instalación de armarios móbiles compactos de grandes dimensións con maquinaria axeitada e a súa posta en funcionamento para aumentar o espazo de depósito dos libros e demais fondos documentais, así como para favorecer a redistribución e optimización da superficie de salvagarda e garantir unha mellor seguridade na súa custodia.
Luis López, que se interesou pola reapertura da biblioteca na xornada do mércores -con aforo limitado ao 30%- tras tres semanas pechada polas restricións para a protección da saúde fronte a covid-19, explicou que este investimento “enmárcase no compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na busca do mellor funcionamento do sistema bibliotecario de Galicia, dotando a estas instalacións de Pontevedra dun mobiliario e equipamento de primeiro nivel para o cumprimento axeitado das súas funcións de difusión e promoción da cultura”.
A Biblioteca Pública Antonio Odriozola, unha das sete xestionadas pola Xunta de Galicia, conta cunha ampla colección de obras que inclúe desde un fondo antigo de prensa ata diferentes publicacións de narrativa, poesía, teatro, biografías, ensaio, libros de viaxes, xuvenís, de idiomas, banda deseñada, lecturas escolares ou o chamado Fondo Pontevedra, con obras sobre a cidade, e unha colección accesible con materiais adaptados a persoas con diferentes disfuncións lectoras. Ademais, foi incorporando ao longo da súa historia numerosas adquisicións que conforman un fondo especial que inclúe incunables dos séculos XVI, XVII e XVIII, depósitos da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a Colección Sampedro, libros en homenaxe a Losada Diéguez, parte da biblioteca das irmás Mendoza ou fondos da biblioteca do profesor Carlos Villar, entre outras.
Finalmente, o delegado rematou a súa visita contemplando a exposición Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción, que permanecerá aberta ata o vindeiro 5 de abril na sala de acceso ás instalacións.