A artista baionesa Lula Goce terá un mural no hospital Álvaro Cunqueiro

O mural de gran formato titulado ‘Xa che Vigo’ reflicte espazos emblemáticos da cidade de Vigo e homenaxea á Movida e ao movemento ‘Atlántica’.

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo albergará de xeito permanente o mural de gran formato que a artista baionesa Lula Goce elaborou para a escenografía dos Premios da Cultura Galega 2019.

Para realizar esta peza artística titulada Xa che Vigo, Goce estableceu tres referencias principais. A primeira, a propia cidade olívica, coa presenza dalgúns dos seus espazos máis emblemáticos. A segunda foi a movida viguesa, movemento cultural e creativo excepcional que foi protagonista desta edición dos Premios da Cultura Galega. E a terceira foi o movemento artístico Atlántica, que iniciou a eclosión dun momento artístico dinamizador da arte galega no último terzo do século XX. Pódese polo tanto asegurar que a peza conecta 40 anos de creación artística e cultural de Vigo.

A técnica empregada neste mural foi acrílico, pintura plástica e sprai sobre madeira e a obra ten unhas medidas de 7,5 m x 2,5 m. O mural foi tamén o galardón dos premiados que recibiron un orixinal a escala do mesmo.

Lula Goce é un dos expoñentes da arte urbana en Galicia. A súa obra ten un amplo recorrido internacional, especialmente os murais de gran formato, que están presentes en cidades de Europa, México e Estados Unidos. O seu traballo adoita ter unha gran carga social e conta con abundantes retratos de persoas onde transita do íntimo ao global para captar toda a identidade de cada faciana.

A súa exitosa carreira permitiu que o mural Xa che Vigo fose protagonista no escenario dos Premios da Cultura Galega 2019, unha gala celebrada na cidade olívica e á que acudiron máis de 900 persoas. Nesta edición, os premiados foron Xesús Alonso Montero na modalidade de Letras, Soledad Penalta na de Artes Plásticas, Monicreques de Kukas na categoría de artes escénicas, Amancio Prada na de música, a serie de televisión O sabor das margaridas no apartado de audiovisual, Pilar Ponte Patiño no de lingua, a restauración do Pórtico da Gloria na modalidade de patrimonio cultural e o programa Galego en Londres na de proxección exterior.