64 actuacións escénicas nas comarcas de Vigo e da súa contorna
As comarcas de Vigo e da súa contorna acollerán ao longo do verán 64 espectáculos escénicos enmarcados no programa Cultura no Camiño, promovido pola Xunta en colaboración cos concellos. Haberá funcións nas áreas da cidade da oliveira, O Morrazo, O Baixo Miño, O Condado e A Paradanta, cuxo calendario pode consultarse no web de Cultura. Nesta edición, o circuíto bate o seu récord de participación, con 164 entidades locais adheridas.
A programación na comarca de Vigo arrincou a finais de xullo en Baiona cos concertos do Grupo 3 Pesos e de Guadi Galego. Neste concello haberá unha nova función a finais de setembro da man da humorista Marta Ortiz. Gondomar acolleu tamén en xullo a súa primeira proposta, co novo circo de Xampatito Pato e prevé para finais deste mes máis novo circo, con Pistacatro Productora de Soños, e para setembro, danza con Nova Galega de Danza.
Pola súa banda, Salceda de Caselas, ofreceu en xullo o novo circo de asSircópatas e a finais de agosto será a quenda doutro espectáculo circense con SU.MA. Xa en setembro, neste concello haberá música, con Xoan Curiel, e danza, con Nelson Quinteiro Producións.
O Porriño e Soutomaior concentran as súas sesións en setembro. No primeiro destes concellos haberá principalmente teatro, con Tanxarina, Eme2 emocion&arte, Inventi Teatro e Aporía Escénica. A danza de Laboratorio Escénico e o novo circo de SU.MA completan o cartel. En Soutomaior o público gozará de música, con Antonio Barros e iAlma, de teatro, con De Ste Xeito Producións, e de danza, con Vella Escola.
Na comarca do Morrazo, Moaña ofrece programación de Cultura no Camiño con tres propostas de novo circo, da man de asSircópatas, Circo Chosco e Troula Animación, e unha de maxia co Mago Antón. Todas elas serán na segunda quincena de setembro.
Canto ao Baixo Miño, as oito actuacións previstas distribúense entre A Guarda e O Rosal. O concello guardés ofreceu xa as súas tres sesións, co teatro de Ghazafelhos, a música de A Banda do Verán e o novo circo de Pistacatro Productora de Soños. O Rosal ofreceu tamén xa case todas as súas funcións en xullo e na primeira metade de agosto, coa música dos Carunchos e o teatro de Ghazafelhos, Mircromina e Peter Punk Pallaso. En setembro haberá un novo espectáculo teatral da man de Sarabela Teatro.
O CONDADO
A comarca do Condado é a que acolle o maior número de funcións, con 20 distribuídas nas Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salvaterra de Miño. Deste total, a meirande parte sitúanse en Mondariz-Balneario, que xa ofreceu case a totalidade das sete propostas do seu cartel entre xullo e comezos de agosto. Nese período houbo novo circo con asSircópatas, Circo Chosco e Pedro Brandariz, teatro con Avelino González e Rilo & Penadique, e maxia co Mago Teto. A programación complétase en setembro co Desconcerto de Félix Rodríguez e Fran Rei.
As Neves acolleu tamén xa unha das catro sesións programadas a comezos deste mes, con Magia en la Manga. A finais de agosto haberá teatro con Eme2 emoción&arte e en setembro, danza con Vella Escola, e outro espectáculo teatral con De Ste Xeito Producións. Mondariz sumouse a Cultura no Camiño con tres funcións, das que dúas van ter lugar este mes, co novo circo de Pajarito e o teatro de Pérez & Fernández, e a terceira, o vindeiro, coa tamén proposta teatral de Malasombra Producións.
Pola súa banda, Salvaterra de Miño concentra a súa programación en agosto, con concertos de Pakolas e da Banda Crevinsky, ademais do teatro de Fulano, Mengano e Citano. Finalmente, Ponteareas ofrece en setembro a maxia do Mago Teto e a música do Sonoro Maxín e das Tanxugueiras.
Na Paradanta, O Covelo acolleu todas as actuacións previstas en xullo, cos concertos da Banda da Balbina, Pauliña e Xoan Curiel, e co teatro de Animar-T Teatro. A Cañiza tamén ofreceu xa todas as súas sesións na primeira quincena de agosto, con Serxio Pazos, o novo circo de Desastronauts e a música de de Os d´Abaixo. As funcións de Crecente comezaron a principios de agosto co Mago Brandán e pecharanse neste mes coa Gran gala de circo, maxia e humor e co espectáculo de rúa Seres fantásticos. En Arbo houbo dúas das tres propostas programadas neta primeira quincena de agosto, con Circotour e a maxia de Juan Collazo. En setembro será a quenda da música con Setestrelo.
DESCENTRALIZACIÓN
Cultura no Camiño é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia, co apoio de Gadis, que ten como obxectivo contribuír á descentralización da oferta cultural e ampliar as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo na Comunidade galega.
Para o desenvolvemento desta edición, a Xunta adxudicou un millón de euros en subvencións ás entidades locais que se sumaron ao circuíto, co que se cofinancia a contratación de máis de 240 formacións artísticas galegas no marco do Plan de reactivación cultural posto en marcha polo Goberno galego. Realizaranse arredor de 680 actuacións desde xullo a setembro.