20 aniversario do pasamento de Camilo José Cela
A Xunta conmemorará en 2022 o 20 aniversario do pasamento de Camilo José Cela, unha celebración que difundirá o legado do Premio Nobel e da casa-museo de Iria Flavia como centro cultural de referencia. Así se acordou na xuntanza do Padroado da Fundación Cela, presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
Algunhas das propostas previstas son a realización dunha exposición itinerante para afondar nas diferentes facetas de Camilo José Cela, que percorrerá as principais cidades galegas. Tamén se celebrará o 80 aniversario de La familia de Pascual Duarte, unha das principais obras do autor, con eventos específicos arredor dela, como unha mostra e unha xornada académica.
Asemade, na xuntanza anunciouse que en 2022 se vai iniciar o proceso de rehabilitación e musealización da locomotora coñecida como Sarita, peza principal do Museo do Ferrocarril que forma parte do Museo Camilo José Cela, co obxectivo de integrala na museografía exterior deste espazo.