Xornadas de Exaltación do Choco
O Concello de Redondela non celebrará este ano a Festa do Choco, unha das celebracións senlleiras do municipio e, no seu lugar, desenvolverá entre os días 8 e 16 de maio unhas Xornadas de Exaltación do Choco que buscan, non só seguir poñendo en valor un produto gastronómico de excelencia estreitamente ligado ao nome de Redondela, senón tamén contribuír á reactivación da hostalaría e restauración, un dos sectores máis duramente golpeados pola crise da COVID-19.
“Celebrar unha Festa do Choco sen a posibilidade de montar a tradicional carpa para degustar o produto e sen poder desenvolver a chea de actividades paralelas que rodean a esta festa senlleira do municipio, non tería sentido”, explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas.
Ese é o motivo polo que o Goberno local optou por celebrar unhas Xornadas de Exaltación do Choco en lugar de organizar unha Festa do Choco “totalmente desvirtuada se temos en conta que, tradicionalmente, é unha celebración multitudinaria, unha festa que se vive nas rúas e prazas, algo impensable coa actual situación de crise sanitaria”.
PROTAGONISTA
O Concello xa mantivo reunións coa asociación Hostalaría e Confraría de pescadores, amais da Asociación de Empresarios e Comerciantes de Redondela de cara a organizar unhas xornadas nas que o choco seguirá a ser o grande protagonista pero da man dos locais de hostalaría e restauración do municipio. Tanto a alcaldesa de Redondela, como a concelleira de Comercio quixeron salientar “o entusiasmo con que a iniciativa foi acollida polo sector da hostalaría e restauración e que, dende o primeiro momento, participan activamente na organización destas xornadas”.
Nesa liña, o Goberno local estuda medidas para fomentar o servizo a domicilio por parte de bares e restaurantes, de xeito que a veciñanza poida gozar do choco –nas súas distintas formas de elaboración– nos seus propios fogares.
Ao redor desta base, desenvolveranse unha serie de actividades que, durante oito días, poñan o foco de atención sobre un produto gastronómico que, na baía de San Simón, acada unha calidade tan extraordinaria como única.
“O que a Festa do Choco non se desenvolva como tal –conclúe a alcaldesa de Redondela– non significa que non fagamos todo o que esta na nosa man para enxalzar o noso ‘produto estrela’ e as Xornadas de Exaltación do Choco con todo o programa que se está elaborando ao seu redor, é un bo xeito de facelo”.