A 19ª edición del Festival de Cans se celebra do 17 ao 21 de maio

Volve o glamour rural de Cans

O equipo organizativo e os representantes das diferentes entidades e empresas colaboradoras nesta edición.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, desprazouse ata a aldea de Cans, no Porriño, para presidir a presentación da 19ª edición do seu famoso festival, do que destacou a súa singularidade e o seu “valor de marca identitaria e diferencial” para o noso audiovisual. A súa gran oferta cultural e lúdica e o seu papel como plataforma de difusión do cinema que se fai en Galicia volven situar o certame porriñés entre os subvencionados pola Xunta a través da liña de axudas a mostras estratéxicas do sector, que este ano distribúe 210.000 euros entre 11 citas.

De feito, tal e como explicou o conselleiro, o 19º Festival de Cans foi o que logrou a maior puntuación de todos os presentados a esta convocatoria, adxudicada en réxime de concorrencia competitiva, obtendo unha achega de 31.000 euros, que foi a contía total solicitada pola súa organización.

Un ano máis, o Torreiro de Cans acolleu o acto oficial no que se desvelou a programación completa do certame e no que tamén participaron o equipo organizativo e os representantes das diferentes entidades e empresas colaboradoras nesta edición que, despois de dous anos, regresa ao mes de maio para se celebrar entre os vindeiros días 17 e 21. Román Rodríguez, quen comezou a súa intervención cunha lembranza a Eva García de la Torre, a anterior alcaldesa do Porriño, falecida o pasado mes de xaneiro, salientou o papel de todos os axentes implicados na celebración deste evento como responsables do éxito que vén colleitando ano tras ano e, en especial, “o compromiso de toda a veciñanza para que este festival siga sendo inesquecible”.

OPTIMISMO

En referencia aos efectos destes anos de pandemia, amosouse optimista diante da recuperación da práctica totalidade das actividades culturais e á luz das cifras que arroxa o último Barómetro da Cultura elaborado polo Consello da Cultura Galega. “Hoxe Galicia é unha das catro comunidades autónomas nas que se está incrementado o número de traballadores do sector”, sinalou, ao tempo que destacou que este estudo tamén prevé o aumento dos ingresos xunto co da demanda por parte dos públicos, usuarios e consumidores de produtos culturais.

No caso concreto do audiovisual, esta reactivación reflíctese claramente no regreso dos festivais audiovisuais aos seu formatos e datas habituais, mantendo e incluso reforzando a súa función como plataformas de promoción da gran diversidade e do talento do cinema e do resto de produtos audiovisuais que se realizan en Galicia.

O conselleiro lembrou tamén que a Xunta está a responder a este esforzo do sector por recuperar e, en moitos casos, intensificar a súa actividade tras os momentos máis complicados da pandemia coas diferentes medidas postas en marcha a través do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural. Este programa extraordinario complementa o programa anual de subvencións autonómicas cun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

COMPETITIVAS

Dentro da súa ampla programación, o XIX Festival de Cans celebrará o seu día grande o sábado 21 de maio coa sección oficial de curtametraxes, na que se exhibirán 12 obras, das que seis son estreas absolutas e outras catro primeiras proxeccións nun certame galego. Durante esa xornada poderán verse, entre outros, os novos traballos de Lois Patiño, Eloy Domínguez, Ángel Santos, Guillermo de Oliveira ou Lucía Estévez, entre outros.

Trátase do principal apartado do programa competitivo, que repartirá 10.200 euros en premios, e dentro do que tamén se desenvolven as sección Furacáns, Novas Camadas e Videoclips. Ademais dos galardóns que se outorgarán nas diferentes categorías, Cans volverá conceder os seus recoñecementos honoríficos, que desta volta recaerán na cineasta Margarita Ledo, no actor Federico Pérez, no xornalista e realizador Javier Tolentino e nos veciños de Cans Marisol Troncoso e Alfonso González.

Fóra de competición, o primeiro capítulo de Rapa, serie filmada na Serra da Capelada co apoio do fondo de rodaxes do Hub Audiovisual da Xunta, será a proxección inaugural o xoves 19. Tamén se exhibirán en Cans as longas Malencolía, de Alfonso Zarauza; Valentina, de Chelo Loureiro, e Un blues para Teherán, de Javier Tolentino, ademais da curta documental Miedo al miedo sobre a galega Eme DJ.

O intenso programa do festival inclúe un foco internacional sobre o realizador portugués João Nicolau, unha retrospectiva das pezas curtas de Margarita Ledo, exposicións, encontros profesionais e coloquios con Javier Monzón, Tamar Novas ou Chechu Salgado, entre outros, así como un amplo programa de concertos con Dakidarría, Amparanoia, Juan Zelada, Sila Lua, Astrogirl, Caldo, The Incredible Peón Kurtz Dj, Los Vinagres e Eme Dj.