Unha escultura dunha costureira pretende "ensalzar a cultura e a idiosincrasia galega e mosense"
Os xardíns da contorna do Pazo de Mos, recentemente galardoada coa Q de Calidade, foron esceario onte do acto de presentación da escultura dunha costureira, instalada no lugar tras ser doada pola Escola Provincial de Canteiros á Comunidade de Montes de Mos.
Estiveron presentes no descubrimento da nova peza escultórica os presidente e secretario da Comunidade de Montes de Mos, Manuel Barciela e Ramón Muíños, respectivamente, o presidente da Fundación Pazo de Mos, Antonio Rial, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e os deputados provinciais Carlos López Font, Noemí Outeda e Victoria Alonso, xunto con outros membros das directivas da Comunidade de Montes e Fundación Pazo de Mos.
Esta nova escultura na contorna do Pazo instálase co fin de difundir o patrimonio histórico-artístico galego e mosense e poñelo en valor. A peza de granito, elaborada polo alumno da Escola de Cantería, Jonathan Mariñas García, conta cunhas medidas de 145 x 90 x 100.
O traballo de Jonathan Mariñas pon en valor o gran traballo que tanto el como o resto das mozas e mozos compañeiros seus desenvolven neste centro de formación.
A escultura da costureira ensalza a cultura e a idiosincrasia galega e mosense, xa que foi un oficio desempeñado por moitas mulleres mosenses ao longo da historia. Ademais de achegarlle a arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional.
A costureira instalada xunto ao Pazo de Mos forma parte da exposición escultórica "D' Pedra" (formada por 16 pezas de granito feitas polo alumnado Escola de Cantería, e que na maior parte dos casos representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá) e, como se dixo, foi realizada por un dos alumnos/as da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.
A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e, ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na Escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo. En Mos atópanse instaladas 4 pezas da Escola de Canteiros: esta costureira, o homenaxe á emigración en Peinador, as leiteiras en Dornelas e a réplica da fonte orixinal nos exteriores do Pazo de Mos, moi preto de onde agora se atopa instalada a costureira.